Xosé aller
Presidente da asociación de veciños de Novo Mesoiro

"Para a xente que milita, a asociación veciñal é unha maneira de traballar polo seu barrio"

08.05.2016 | 02:52
Xosé Aller. | andrés prado

O presidente da asociación veciñal de Novo Mesoiro, Xosé Aller, cre que é a sensibilidade, o compromiso que cadaquén ten co espazo no que habita ou cos seus semellantes, o que o fai poñerse á fronte dunha entidade, sexa cal sexa a súa función. "Algúns teñen unha vertente máis cultural, outros máis reivindicativa", explica Aller, que considera que nos barrios sempre hai melloras que pedir. "A xente que máis se move é, sobre todo, a que está xa nunha organización política ou ten unha militancia máis de esquerdas. A asociación veciñal é unha maneira de traballar polo seu barrio", resume Aller, que di que a entidade "non está politizada" xa que cadaquén "é da súa casa". Asegura que o que busca é que a entidade sexa "unha representación dos veciños sen que haxa organizacións políticas por detrás". Aclara que noutras entidades si que se dá ese fenómeno de "control" da entidade.
Tal e como critica esta situación tamén o fai co feito de que se creasen asociacións paralelas durante o anterior mandato, co PP en María Pita, nos barrios con entidades históricas "coméndolles bastantes cartos". Cre tamén que a politización non é permanente e que cómpre unha rexeneración no movemento veciñal. En Novo Mesoiro, ao non ser un barrio histórico, os veciños están a se enfrontar agora ás mesmas loitas que xa tiveron outros veciños, como a creación dun colexio para os nenos da zona.
"Dentro de quince anos imos ter que estar pedindo melloras, pero para a xente maior", explica Aller, que asegura que el non milita en ningún partido e, aínda que se considera máis afín á Marea Atlántica „asinou o manifesto de creación„, ten tamén enfrontamentos co partido.
Aller carga contra a maneira de operar da federación maioritaria, di que non é representativa do movemento veciñal, que "non responde ás súas necesidades". Diferencia entre as que fan un "traballo veciñal", máis reivindicativo e de loita polo barrio, e as que teñen un obxectivo máis "cultural e lúdico". "O movemento veciñal, agora mesmo, ten moita xente maior e pouca renovación. Nas que se deu ese cambio xeracional é nas que hai máis actividade", di Aller.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine