A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de abrir o prazo para que os centros escolares poidan participar no proxecto de libro dixital E-DIXGAL. Esta iniciativa pretende favorecer a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) na actividade educativa. O obxectivo é que no vindeiro curso 2016/2017 os materiais dixitais, que son gratuítos para as familias, cheguen a 9.000 alumnos de 5ºe 6º de primaria e 1º e 2ºde ESO. Segundo a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia poderán optar a esta nova convocatoria os centros de ensino adscritos á rede Abalar que impartan o vindeiro curso 5º de Primaria ou 1º de ESO, aínda que a idea é que se poidan ampliar a outros cursos nos anos seguintes. Para solicitaren a súa participación na iniciativa terán que presentar un proxecto explicando o modelo organizativo e metodolóxico previsto para a implantación do proxecto e as experiencias TIC desenvolvidas no centro nos últimos cursos. Ademais, os centros terán que propoñer a unha persoa coordinadora do E-DIXGAL, con experiencia no desenvolvemento de metodoloxías didácticas innovadoras, nas TIC e na organización de grupos de traballo. O prazo para cursar a solicitude estará aberto ata o 21 de maio e deberá facerse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.es ). Os contidos didácticos albérganse nunha plataforma virtual á que os alumnos poden acceder a contidos curriculares completos facilitados pola Xunta ou elaborados polos docentes dos centros.