A traxectoria creativa de Luis Seoane está considerada como unha das máis multidisciplinares dentro da produción artística do século XX en Galicia. A figura deste artista bonaerense de nacemento e coruñés de adopción centrará dúas exposicións artísticas que serán inauguradas esta tarde ás 20.30 horas na Fundación Luis Seoane (San Francisco, 27) con motivo do vixésimo aniversario do nacemento do centro.

Unha das mostras, bautizada co título Luis Seoane. Retrato de esguello e coproducida pola Fundación e o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), recolle unha colección de más 200 obras do autor que amosan o carácter heteroxéneo da súa andaina profesional. Formada por pinturas, gravados, tapices, carteis publicitarios ou pezas cerámicas, esta exhibición "amosa a figura de Luis Seoane coma creador total", facendo fincapé no "seu sentido social" coma fío condutor da súa obra, tal e coma sinalou o director xerente da Fundación Luis Seoane e comisario da mostra, David Barro.

Este último vínculo social, derivado da resistencia cultural que Seoane desenvolveu durante o seu exilio en Bos Aires, é visible nas diferentes expresións artísticas do autor, entre elas as pinturas e os gravados, das que soubo aproveitar a "multiplicidade temática" que permitían desenvolver e a súa "capacidade comunicativa".

Nas influenzas de Seoane céntrase a segunda das exposicións, Carlos Maside-Luis Seoane. Aquel abrazo, realizada en colaboración co Concello de Santiago de Compostela e o Legado Carlos Maside. En concreto, a exhibición parte do intercambio epistolar que levaron a cabo Seoane e o pintor Carlos Maside, ao que o primeiro consideraba o seu referente, entre a década dos cuarenta e os cincuenta. Centrada no plano pictórico, esta mostra traslada as reflexións realizadas por ámbolos dous artistas arredor da arte nunha comparativa entre 27 obras de Maside e 9 pezas de Luis Seoane na que se fan permeables as diferenzas e similitudes entre a producción dos dous creadores ao longo das diferentes etapas das súas carreiras.

A selección destas exposicións para conmemorar as dúas décadas de vida da Fundación Luis Seoane non é algo casual, e é que ambas introducen aspectos novidosos que non se amosaran ata este momento no centro.

Luis Seoane. Retrato de esguello recolle, entre outros elementos, "unha relación de tapices tan extensa que o propio Seoane nunca chegou a ver exposta na súa totalidade", ademais dunha "colección de bocetos inéditos" do autor, como explicou David Barro. Carlos Maside-Luis Seoane. Aquel abrazo é a primeira das achegas que realizará o centro sobre os intercambios entre os dous primeiros expoñentes da arte galega contemporánea e unha "débeda que a Fundación tiña co que Seoane reivindicaba coma o seu mestre", como sinalou a comisaria desta última mostra, Carmela Montero.

A Fundación relevará estas exposicións con outras tres propostas durante os próximos meses. O centro acollerá unha mostra pictórica de Berta Cáccamo realizada en coprodución co CGAC "a partires de setembro", á que previsiblemente se sumarán unha exhibición de Correa Corredoira e unha de Rafa Forteza, ambos pintores, escultores e gravadores.

Luis Seoane. Retrato de esguello permanecerá exposta na primeira planta da Fundación ata o 25 de setembro e, Carlos Maside-Luis Seoane. Aquel abrazo estará na planta baixa ata o 28 do mesmo mes. Ambas mostras poderán ser visitadas de martes a domingo en horario de 11.00 a 15.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.