-Que lle levou a investigar sobre os naufraxios en Galicia?

-Son de Monte Alto e crieime no Club del Mar de San Amaro na súa sección de pesca submariña. No barrio había moita xente que vivía do mar e meu pai mesmo pasou anos de oficial electricista nos barcos do Gran Sol. Cando empecei a facer pesca submariña vin os primeiros pecios da zona, pero o punto de inflexión que me levou a investigar foi o libro de José Baña Heim, o mestre de Camelle, que leva por título Costa de la Muerte: Historia y anecdotario de sus naufragios. Cando o lin foi traspasar outra dimensión.

-Quixo entón afondar no tema dos naufraxios?

-Baña fixo algo que hoxe se está perdendo, que é a didáctica cos propios nenos, xa que fixo partícipes aos seus alumnos do traballo que el estaba desenvolvendo. Levounos pola costa e mostroulles onde se afundiran os barcos, pero iso perdeuse hoxe. Os nenos alucinan cando lles contas este tipo de historias que son una aportación máis a escola, porque non se coñece a historia propia. Temos un dos maiores patrimonios marítimos do mundo porque somos o vértice suroccidental de Europa e por aquí pasaron todos os barcos de todas as épocas. Pero a Administración non lle presta atención a isto.

-É difícil atopar documentación sobre os naufraxios?

-Eu xa presentei un libro con esta cronoloxía hai 16 anos, pero dende aquela fóronse metendo en internet arquivos de bibliotecas, de prensa e libros, polo que o traballo de documentación que puiden facer entón cambiou enormemente e agora dende a miña propia casa podo entrar en arquivos de prensa ingleses, franceses, españois? Non quita de ter que visitar arquivos en persoa, pero internet é una ferramenta fundamental no aforro de tempo, aínda que tamén me gusta é chegar a un lugar como Arquivo da Mariña en Viso del Marqués, en Cidade Real, e atopar a carpeta dunha fragata inglesa afundida en 1814 na praia ferrolá de Ponzos na guerra contra os Estados Unidos, xa que tiña intacto o selo de lacre que lle puxeran en 1815 e tiven que abrilo.

-Tense achegado en persoa aos lugares dos naufraxios?

-Onde máis me movo é a Costa da Morte, xa que a xente ten estas historias na súa memoria e cando chega xente coma min ábrese e empeza a contar historias que moitas delas serían guións para películas e que ademais son inéditas. Esa é a parte que máis me gustou de todo o libro.

-Que naufraxios destacaría na zona da Coruña?

-No asedio británico á Coruña no 1589 afundíronse catro barcos da Armada Invencible que volveran á cidade dende as Illas Británicas. Foron afundidos polas súas propias tripulacións para que non caeran en mans inglesas e son o San Juan, o San Bartolomé, o San Bernardo e o Sansón. Un deles está na zona do actual peirao de trasatlánticos, outro na do Parrote e dous deles entre Santa Lucía e Oza, xa que estaban nos extremos da baía para bater coas súas baterías unha posible incursión dos barcos ingleses. Pero as crónicas históricas recollen que no primeiro ataque dos viquingos á cidade, no 844, perderon unha flota, aínda que non existe ningún resto.

-Hai unha relación directa entre o número de naufraxios e a construción de faros en Galicia?

-A lei de alumeado marítimo española de 1847 estableceu a construción de faros en toda a costa, pero aquí temos 1.720 quilómetros e unha zona moi permeable aos temporais, correntes e con moitas pedras, polo que é complicadísima de navegar. Cando a navegación pasa da vela ao vapor aumenta o número de barcos e tamén o de naufraxios, especialmente a mediados do século XIX. O primeiro faro que se instala en Galicia é o de Estaca de Bares no 1851 ata chegar ao de Vilán no 1896 xa con luz eléctrica precisamente polo perigo da súa costa.

-Que hai de certo na lenda negra sobre naufraxios provocados por veciños destas costas?

-Na publicación que fixen no 2000 deille pulo a esta lenda pola miña inexperiencia porque me basara no libro Mar tenebroso, de Ramón Allegue. Pero cando revisei documentación e falei con xente do mar decateime de que non era posible de que un barco de guerra como The Serpent non vira a luz dun faro que estaba nun curuto e si unhas supostas luces que estaban penduradas dos cornos dunhas vacas. Iso é imposible. Ademais, se iso se chegara a producir, os superviventes teríano dito, polo que é unha lenda negra que foi alimentada pola prensa sensacionalista inglesa.

-Foi o do The Serpent o naufraxio máis destacado dos que menciona no seu libro?

-Hai moitos, pero neste, que foi a finais do século XIX, trátase dun cruceiro e torpedeiro da Armada británica con dobre casco, polo que era moi adiantado á súa época. Sábese que a Armada ordeaba manter unha distancia de seguridade de 250 brazas da costa, pero había un temporal do suroeste con ondas de cinco a seis metros e de noite, polo que un veciño de Camelle dicíame que cando había temporal o seu bisavó dicíalle que viña unha vaga de mar coma a do Serpent. Embarrancou e morreron 172 dos seus 175 tripulantes a carón da costa, polo que os veciños que vivían nas aldeas da zona puideron ver os cadávares totalmente esnaquizados polo mar e o crego de Xaviña só puido conseguir que axudaran a enterralos coa ameaza da excomunión.

-Por que se coñece tan pouco dos naufraxios?

-A xente non profundiza na nosa historia. Está moi ben saber os ríos de España, pero primeiro aprende os que están preto de onde ti vives. Temos unha carencia do noso propio patrimonio, xa que nos marabillamos das historias de galeóns españois no Caribe cando temos un afundido na ría de Ribadeo que foi atopado no 2011 e que está intacto. Habería que construír un museo para poñelo alí porque ninguén ten o casco dun galeón español.