Un emprendedor novo pero con 15 anos de experiencia

Alberto Liñares celebra tres lustros á fronte do seu bar O Segredo, que montou no Castrillón cando só tiña vinte anos

23.05.2016 | 00:38
Alberto Liñares, co seu fillo, no bar O Segredo.

Chegar aos quince anos de actividade nun negocio é sempre motivo de celebración, especialmente nun tempo en que a supervivencia das iniciativas empresariais pende moitas veces dun fío. Por iso Alberto Liñares festexou hai uns días os tres lustros transcorridos dende a apertura de O Segredo, o bar que montou no 2001 na rúa Antonio Ríos, no barrio do Castrillón, cando só contaba con vinte anos, unha idade pouco habitual para lanzarse á aventura que supón montar unha empresa, aínda que sexa pequena.

Viña de rematar os estudos de Hostalaría e fixera as prácticas no restaurante Noray, na praza de María Pita, e mentres facía a mili en Tenerife os seus pais suxeríronlle que mercara un baixo para abrir un bar. "Cando rematei a mili fixen a reforma e recordo que ninguén me facía caso coas obras porque só tiña vinte anos", comenta entre risas Liñares, quen por se fora pouco carecía de calquera relación co barrio.

"Non coñecía a zona de nada, nin a ninguén", explica, polo que dende o primeiro día tivo que gañarse aos clientes, dos que di que sempre lle axudaron e que agora se lembran do día da inauguración do bar. "Sempre fun botado para diante, porque tamén teño unha tenda ao lado, aínda que xa fun antes máis do que son, agora vou calmando", di sobre o seu carácter emprendedor.

"Estou dende pola mañá e ata a noite non marcho, a min isto encántame", fala sobre a súa vocación pola hostalaría, que mesmo lle levou a ter no pasado un local no Orzán que atendía ao saír do Segredo. Outra mostra da súa iniciativa é a busca de innovacións para loitar contra a crise, o que lle animou a ofrecer un servizo de comidas a domicilio no barrio que mantén dende hai un ano.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine