Amparo Alonso Catedrática en Computación pola Universidade da Coruña

"As profesións relacionadas co Big Data serán do máis demandado no futuro"

"A información que xeramos é enorme e queda almacenada. Non teñen por que facer nada con ela pero, se queren, poden espiarnos"

02.06.2016 | 13:24
Amparo Alonso, onte na facultade de Informática.

A catedrática en Computación na Universidade da Coruña (UDC) Amparo Alonso imparte hoxe ás 20.00 horas na Maestranza unha conferencia sobre Big Data, un área de coñecemento emerxente que se centra en analizar os datos masivos que xera a sociedade día a día e que, grazas ás novas tecnoloxías, poden ser procesados para atoparlles algún tipo de sentido. Malia que en España todavía non está moi desenvolvido, apunta a que este ámbito será un dos nichos de emprego máis importantes dos próximos anos.

-Big Data é un concepto de moda mais, de forma simplificada, en que consiste?

-Con internet multiplicouse a cantidade de datos sobre a nosa actividade diaria que queda rexistrada. Para facerse unha idea, hoxe mándanse máis de 200 millóns de correos por minuto. Hai infinidade de sensores que poden almacenar información sobre as chamadas que facemos, as transferencias bancarias, datos sanitarios ou procesos industriais. Está todo sensorizado porque é moi barato facelo. Agora é posible dixitalizar todo iso e organizalo para extraer unha información coherente. Esta cuestión é o interesante porque os datos en bruto non deixan de ser ruido.

-Que tipo de sensores podemos usar na nosa vida diaria?

-Hai moitos. Por exemplo, estamos todo o día co teléfono móbil, enviando mensaxes, facendo chamadas, sacando fotos, entrando en redes sociais. Iso todo xera unha cantidade enorme de datos, a moita velocidade e en formatos que poden ser números, pero tamén imaxes ou vídeos. Iso fai máis complexo o deseño de ferramentas para analizar toda esa información e aí é onde se precisan os científicos de datos.

-Quen demanda todo ese análise dos datos que se xeran?

-Practicamente todo o mundo. Os gobernos terán que usar datos para tomar mellores decisións, as empresas tamén terán interese para coñecer novos gustos dos consumidores ou as reaccións aos seus productos. Nos hospitais norteamericanos, por exemplo, hai cada vez máis seccións de Big Data para prever infeccións antes de que os síntomas se produzan físicamente. A maioría dos equipos das grandes ligas de alá usan a análise de datos para mellorar o rendemento. Hai unha infinidade de aplicacións.

-Haberá un boom de postos de traballo relacionados con este sector ou está xa cuberto?

-Todas as previsións apuntan a que a de científico de datos será unha das profesións máis demandadas no futuro. En Estados Unidos precisaranse en 2018 entre 145.000 e 190.000 profesionais deste tipo. No Reino Unido estiman que se crearán 56.000 traballos no sector para 2020, o que supón un incremento do 117%.

-E en Galicia?

-Nós imos un paso por detrás, aínda que xa hai empresas interesadas. O investimento monetario, iso si, non é tan alto, nin tampouco os salarios.

-Esta facilidade para acceder aos datos supón unha violación da privacidade dos cidadáns?

-Os gobernos deberán poñer en marcha políticas de datos e concienciar á xente de que algunhas decisións implicarán unha menor liberdade a costa de gañar seguridade ou comodidade, pero tamén terán que garantir a seguridade e privacidade. Hai moito traballo que facer e no mundo do Dereito é un asunto candente, porque se trata dunha regulación sobre algo novo.

-É realmente posible monitorizar a vida dunha persoa usuaria de móbil e redes sociais, por exemplo?

-Legalmente, as compañías si que poden ter os datos rexistrados durante uns anos determinados, pero que se poida facer non quere dicir que se faga. É tan brutal a cantidade de información que xeramos que non tería sentido que nos monitorizasen se non hai un obxectivo concreto, como espiarte. Agora ben, que te poden espiar? Está claro. Houbo xente que requeriu ás compañías a información que tiñan almacenada dela e era un rexistro exhaustivo da súa vida nos últimos dous anos. Déronlle a información porque a tiñan gardada, o que non quere dicir que fixesen algo con ela.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Javier de Toro, jefe del servicio de reumatología del Complejo Hospitalario Universitario de A Coruña, responderá a preguntas de los lectores este jueves a las 11.30

 

 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine