No mes de xullo de 1879 Víctor López Seoane (1832-1900) pasou unha tempada nas Torres de Allo, un magnífico pazo construído no século XVI nun gótico tardío de estilo isabelino e situado na parroquia de Baio (Concello de Zas), a poucos kilómetros de Vimianzo. Ese valioso patrimonio procedía da herdanza de Francisca Riobóo Álvarez, muller de familia fidalga rica con quen Seoane casara o 8 de outubro de 1869, unha circunstancia que converteu ao médico interino ferrolán en importante propietario agrícola, con residencia na Coruña.

Probablemente foi o caseiro quen na segunda parte da mañá subiu polas escaleiras do pazo cara o primeiro andar e tocou na porta da sala onde se atopaba o matrimonio, ao tempo que dicía:

-Don Víctor, chegou o correo da Coruña.

Seoane abriu a porta, colleu as cartas e fixou a súa atención nunha.

-De quen é, Víctor?

-Dese francés fachendoso, Paca.

-Non sei por que tratas con el despois do que dixo de ti.

O naturalista empezou a ler a carta, datada o 13 dese mes en París e asinada polo zoólogo Fernand Lataste (1847-1934). Comunicáballe que despois de observar os catro exemplares de víbora de Galicia que lle remitira chegara á conclusión de que se trataba, "tres probablement", dunha"espèce nouvelle". Seoane berrou:

-Sabíao! Ese Steindachner!

Dese xeito iniciábase o camiño que levaría ao recoñecemento pola Ciencia da víbora galega, que de 1879 a 1976 foi considerada unha subespecie, Vipera berus seoanei, e que desde hai corenta anos, 1976, os tamén franceses Saint Girons e Duguy estableceron como nova especie, Vipera seoanei, a "víbora de Seoane".

As víboras ibéricas

Pedro Galán Regalado, que é profesor na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña e o especialista máis relevante en Galicia no ámbito da Herpetoloxía, estudo dos anfibios e réptiles, explicoume como podemos diferenciar unha víbora doutros Ofidios:

-As víboras distínguense doutras serpes pola súa pupila vertical, escamas da cabeza moi numerosas e un corpo máis curto e groso.

-E que pasa, Pedro, con iso que se di sobre as manchas escuras en forma de zigzag e cabeza triangular?

-O do deseño dorsal en zigzag non é concluinte en todos os casos, hai unha grande variedade. Por exemplo, na seoanei non se da e hai moitas (o 50% das víboras dos Ancares) que son melánicas, negras. Por outra banda, outras serpes poden aparecer coa cabeza con forma triangular polo que iso tamén induce a confusión.

O herpetólogo contoume que na Península ibérica viven víboras de tres especies, a áspid (Vipera aspis), a "fociñuda" (Vipera latastei) e a de Seoane. A Vipera seoanei adoita ter unha coloración marrón e unha lonxitude media entre 45 e 50 centímetros, tamaño algo menor que o das outras especies e diferenciase por ter escamas grandes na cabeza e o perfil do fociño redondeado ou anguloso e non dirixido cara arriba. Esta víbora, endemismo ibérico, é, case, a única existente en Galicia (tamén se espalla por todo o Noroeste peninsular e chega ata o suroeste de Francia); a Vipera latastei, que aquí chamamos "fociñuda" ou "cornuda", só aparece en serras de Ourense.

Un pique con historia

A boa nova que recibiu Seoane en xullo de 1879 tivo como antecedente dous anos de sensacións agridoces. O inicio foi feliz, en 1877 o naturalista estaba moi satisfeito coa publicación do seu artigo Reptiles y Anfibios de Galicia nos Anales de la Sociedad Española de Historia Natural. Mais en maio do ano seguinte apareceu nunha revista científica francesa, a Revue internationale des Sciences, a valoración demoledora de Lataste do artigo de Seoane (que, ademais, figura citado no texto galo de xeito erróneo, co nome de Savano): Les reptiles de la Galice. O zoólogo francés utilizou o catálogo do naturalista, une étude tres superficielle, como exemplo de traballo científico incorrecto na metodoloxía, resultados e criterios empregados.

Lataste realizou unha certeira crítica se ben non tiña en conta a precariedade científica na que o naturalista galego, e o resto dos especialista peninsulares, desenvolvían o seu labor, con escaseza de medios bibliográficos, ausencia de contribucións previas e de coleccións. O naturalista ferrolán, persoa vaidosa e cun extremado desexo de notoriedade, viviu a crítica técnica como un ataque persoal, picouse moito. Mais despois do impacto inicial refíxose algo, buscou o contacto con Lataste e as explicacións deste permitiron establecer unha frutífera relación de colaboración, se ben o noso paisano gardou sempre un certo rancor polo sucedido.

Unha nova víbora

A confirmación por parte de Lataste de que as víboras galegas remitidas por Seoane correspondían a unha nova variedade (taxon) confirmaba as sospeitas do naturalista galego, quen xa había anos que percebera certas diferenzas con relación á descrición dos exemplares- tipo da especie á que naqueles tempos se supuña pertencían, Vipera berus. Consecuencia destas anomalías enviara a fins dos anos sesenta exemplares en consulta ao herpetólogo Franz Steindachner (1834-1919), director do Museo de Ciencias de Viena a quen coñecía da súa visita a Ferrol en 1864. Apresurado, Seoane xa lle puxera nome á suposta novidade, en honor do seu amigo chamábaa Vipera stendachneri, pero o herpetólogo austríaco considerou que as diferenzas observadas non eran dabondo para establecer unha nova variedade.

En 1879 o proceso de presentar en sociedade a nova víbora durou un par de anos. Lataste deu a coñecela na sesión da Société Zoologique de Francia de 28 de outubro e ese mesmo ano publicou un breve diagnóstico dela no Bulletin da entidade. As ocupacións do herpetólogo e as súas viaxes de estudo no norte de África fixeron que encargara ao seu colega Albert Tourneville a posterior descrición polo miúdo do novo taxon; este presentouno na sesión de 14 decembro de 1880 da Société e o traballo foi publicado en 1881.

Na diagnose, Lataste estableceu as principais diferenzas da nova víbora coa Vipera berus na forma de rostro e no tipo de fragmentación das escamas da cabeza. O francés, un grande herpetólogo, era un agudo observador e, ao contrario de Steindachner, manexaba criterios taxonómicos que incluían, como no caso de Tourneville, unha valoración positiva das pequenas diferenzas constantes e prestaba espacial atención á distribución xeográfica dos seres vivos.

Unha mordedura inesperada

Pedro Galán leva máis de 40 anos traballando sobre os herpetos. Nese tempo observou, recolleu e estudou ducias de víboras polos campos de Galicia e sempre foi moi coidadoso co manexo deste réptil velenoso, que en xeral evita o encontro cos seres humanos. Pois ben, nun día soleado de abril de 2013, andaba o noso científico polas terras de Lourenzá (Lugo) e atopou unha Vipera seoanei (a da foto que acompaña a este episodio). Só quixo fotografala, malia se achegou moito, perdeu por un instante a visión da víbora e esta mordeulle nun dedo. "Tiven que ir ao ambulatorio de Mondoñedo e despois ao hospital de Burela e tardei un tempo en recuperarme. Máis que medo o que sentín era cabreo polo descoido". A víbora galega, se a incordian, segue a "picar".