O alumnado galego que curse estudos en centros de ensino secundario da comunidade poderá obter o Diploma de Estudos en Lingua Francesa (DELF Escolar) grazas a un acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación e o Servizo de Cooperación e de Acción Cultural da Embaixada de Francia en España. Ao abeiro deste acordo, poderán presentarse aos exames do DELF Escolar nos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas os alumnos de centros públicos matriculados nunha sección bilingüe de francés, que cursen o programa BachiBac de dobre homologación de diplomas, e os que teñan e francés como primeira ou segunda lingua estranxeira.

Os centros acreditados para a obtención do diploma que colaborarán coa Consellería son a Alianza Francesa da Coruña, de Santiago e a de Vigo. Estes centros enviarán as probas aos centros escolares, recollerán e xestionarán os resultados e entregarán os diplomas editados polo Centre international d´études pédagogiques (CIEP), organismo administrador oficial das certificacións DELF-DALF. Neste primeiro ano de implantación a Consellería designará seis centros para facer as probas: dous na provincia da Coruña, outros dous na de Pontevedra, un en Lugo e outro en Ourense.

Este acordo representa un exemplo de colaboración entre administracións ao tempo que se dota ao alumnado dunha ferramenta máis para avanzar no coñecemento dunha lingua estranxeira, neste caso a lingua francesa.