Plantéxanse actualmente na nosa cidade, de xeito simultáneo e promovidas ambas pola administración autonómica, dúas iniciativas respecto do transporte público rodado que resultan contradictorias entre sí e, de feito, cada unha delas anula os posibles efectos positivos da outra.

Dunha banda o traslado da terminal de autobuses a San Cristobal, á beira da estación ferroviaria, que resulta o reducido resto dos grandes proxectos que dende hai mais dunha década viñeron sucedéndose, inicialmente baixo o modelo de empresa mixta Vialia que de feito chegou a implantarse noutras cidades coma Bilbao, Málaga, Albacete, Salamanca e, ainda que de moita menor escala, tamén en Pontevedra, e despois baixo a denominación de intermodal, ainda que mantendo das anteriores iniciativas a integración na actuación dun centro comercial, ademais dun hotel e vivendas, polo que a envergadura daqueles proxectos ía moito mais alá das cuestións estritas de mobilidade e suporían non soamente unha importante dinamización da zona da actuación, senón posiblemente unha redistribución das centralidades urbanas.

Xa coa exclusiva xustificación de favorecer o intercambio entre modos de transporte, a proposta actual de estación intermodal non consiste mais que no traslado da terminal de autobuses e a execución dun aparcamento, o que precisa dun importante investimento difícil de xustificar dada a proximidade entre as estacións actuais, e prácticamente equivalente ao necesario para a implantación dunha terminal de autobuses no centro da cidade, posible na zona portuaria en proceso de desafectación, e que resulta unha solución avalada pola experiencia doutras cidades coma Pamplona ou Vitoria, deixando aparte o xa esquecido debate sobre as vantaxes que presentaría a ubicación da actual estación de San Diego para esta actuación, incorporando unha rede ferroviaria de cercanías.

Doutra banda proponse por primeira vez un plan de acceso do transporte metropolitano ao centro da cidade, dando resposta a continuada demanda de usuarios, operadores e outras instancias, que resulta imprescindible para fomentar a sua utilización dado o carácter disuasorio que a necesidade de transbordo co transporte urbano ten para os potenciais usuarios. Neste plan contémplase que os autobuses que accedan ao centro urban deteranse despois na estación de autobuses, cara a saida da cidade.

Preténdese polo tanto combinar dúas condicións difícilmente compatibles, como son o acceso dos autobuses ao centro e a utilización dunha estación cunha situación periférica, que se vai manter coas mesmas ou peores condicións co traslado a San Cristóbal, do que resulta que os viaxeiros con destino á estación ferroviaria farán previamente o recorrido de ida e volta hasta o centro da cidade, e esto dificilmente pode favorecer a intermodalidade na que se xustifica o traslado da terminal, mentras que os viaxeiros que se dirixan fora da cidade verán incrementado o seu recorrido e o tempo de desplazamento pola obrigada parada na estación, ben sexa esta a actual ou a que se pretende executar, o que reduce gravemente os efectos positivos do acceso do transporte metropolitano ao centro urbano.

Dificilmente pódese culpar aos cidadáns da elevada utilización do vehículo privado que se produce nesta área urbana en comparación con outras de escala similar, cando a administración autonómica que mantén en exclusiva as competencias na materia, en contra da tendencia establecida dende hai décadas de creación de Consorcios ou Autoridades únicas de transportes, e as outras administracións afectadas por esta situación, especialmente a do término municipal de cabeceira, non son capaces de artellar propostas que poidan resultar unha alternativa eficaz para o seu uso.