Cantas alegrías teremos vivido no estadio de Riazor, e cantos angustias e disgustos tamén... Lembro coma se fose hoxe, a primeira vez que acodín a Riazor co meu pai: xogaba o Dépor contra o Sevilla, o de Maradona e Bilardo, era o ano 1993: de apenas cinco anos despois é a cuberta de Maratón (1998). Máis vella aínda é a cuberta de Preferencia e Tribuna que datan de catro anos antes de que eu mesma nacese: 1982.

Cantos milleiros de coruñeses e de coruñesas acoden cada quince días ao estadio municipal a apoiar o equipo da cidade.... O estadio de Riazor é o estadio de todas as coruñesas e de todos os coruñeses mais por todo o mundo é sabido que agora mesmo ten un grave problema en partes da súa estrutura, nesas cubertas que antes nomeei.

Cómpre lembrar que as responsabilidades canto ao noso estadio son compartidas entre o Dépor e o Concello e que, neste caso, a cuberta é competencia municipal.

Tamén por moitas e moitos é sabido que o Goberno do señor Negreira tiña adxudicada unha obra na cuberta por valor de 2,6 millóns de euros mais, logo de diversas discrepancias sobre a viabilidade de execución da obra en Tribuna e Preferencia, logo de informes varios e contrainformes, o actual Goberno Local decídese a rescindir o contrato vixente.

Unha decisión esta que podemos compartir, desde o Grupo Municipal do BNG, mais que entendemos que debería ir acompañada dunha actuación máis que dilixente e rápida, cousa que non está a acontecer: cun novo proxecto e con prazos que permitan que esta obra comece o máis rapidamente posíbel, xa que non se fixo antes de que comezasen a competición e o outono, e con eles as chuvias e o vento.

Mentres tanto, é preciso poñer en marcha ese "mantemento de seguridade" anunciado desde o Goberno Local sen esquecer que a obra importante, a da rehabilitación da cuberta, hai que facela canto antes, marcarnos prazos breves, para non termos que repetir situacións como a vivida en abril deste ano: con peches dunha das gradas, o traslado de seareiras e seareiros a outras gradas e a realización naqueles días de obras parciais que non solucionan o problema.

Para podermos gozar todas e todos do noso Dépor con seguridade e tranquilidade, toca actuar de contado.