-O Goberno local reclama ao PSOE falar primeiro de ordenanzas e orzamentos e despois da coalición. O PSOE invirte a orde dos termos. Como se desbloquea esta situación?

-O que tratamos de facer entender ao PSOE é que apurar os tempos pode ser contraproducente. Nestes momentos non podemos pensar en levar á Marea un referendo sobre a entrada do PSOE no Goberno, algo que sería obrigatorio polos nosos estatutos, porque non habería vimbios para gañalo. O que trasladamos ao PSOE é que fai falla crear un clima de confianza, amosar que podemos traballar xuntos e crear as condicións para que haxa unha aceptación na Marea dunha posibilidade diferente. Creando esa relación de confianza todo é posible. Non é unha cuestión de desexo, é cuestión do que é posible e do que non.

-E no concreto, como se construiría esa confianza?

-De aquí a final de ano hai unha serie de asuntos que hai que aprobar en pleno e que nos gustaría traballalos xuntos. Non pedimos que aproben o que nós presentemos, o que queremos é que nos poidamos sentar e chegar a acordos, falando de orzamentos, de ordenanzas fiscais e dos modificativos que fan falta para modificar a execución orzamentaria e para necesidades perentorias. Deberiamos estar falando diso e non enrocados nunha situación que non sei se ten tanto que ver coas necesidades da cidade ou coas urxencias do PSOE.

-O PSOE non semella que vaia mudar de posición e iso podería levar ao Concello a non poder aprobar nin os novos impostos nin os orzamentos.

-As ordenanzas fiscais eu creo que é mellor que se aproben porque van a supoñer unha restruturación da carga impositiva interesante, con medidas de fomento do emprendemento, con gravames ás ocupacións do subsolo das eléctricas na cidade... Vai permitir distribuír a carga fiscal de xeito máis xusto e eu creo que sería positivo que se aprobasen, pero se non se fai tampouco creo que houbese ningún problema de funcionamento do Concello. En canto aos orzamentos, nós imos levalos a pleno no mes de novembro. Se poden ser negociados, levarémolos de forma negociada e, se non, levarémolos igual e cada un que actúe como considere.

-Pero se non se aproban por esa falta de acordo co PSOE, até onde pode manter ese pulso o Goberno?

-Hai mecanismos para aprobar os orzamentos sen necesidade de que haxa acordo.

-Refírese á moción de confianza [é o instrumento político que teñen os gobernos en situación de debilidade para buscar o apoio a unha política concreta]?

-Se nos empurran até aí... Nós non podemos seguir tolerando esta situación polo ben da cidade. Pero eu non quero pensar niso. Nós temos que buscar solucións para poder sacar adiante esta cidade. Gustaríame simplemente ter un ano normal de Goberno para demostrar o que estamos en condicións de facer. Lamentablemente agora non é posible e isto non é positivo para ninguén. Hai que ter un pouco de altura de miras e pensar na cidade. Non sei que diferenza hai entre falar de entrar no Goberno agora ou falar dentro de tres meses. Non sei cal é esa urxencia, porque se as cousas se fan no momento que non se deben facer o máis probable é que saian mal.

-Pero se ve que é imposible que os orzamentos poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro pola vía negociada, recurrirá a este mecanismo?

-Non deberíamos chegar até aí, pero se no seu momento se dan as condicións, valorarémolo.

-É factible aprobar o orzamento o 15 de novembro (data na que se debe aprobar para entrar en vigor o 1 de xaneiro) con este panorama?

-Non sei se é posible a aprobación, que estean no pleno si.

-Arrepíntese de non ter formado un goberno bipartito desde o comezo para ter evitado os roces destes meses?

-É que iso é algo que nunca estivo enriba da mesa. Nós pensamos que podiamos facelo en solitario porque criamos que podiamos chegar a acordos co PSOE, pero non sabiamos que do outro lado as cousas ían ser así. Seguramente, todos temos algunha cota de responsabilidade nisto e nalgún momento puidermos terlle posto as cousas máis doadas ao PSOE, pero tamén é certo que nunca atopamos receptividade ao outro lado, só en moi breves momentos. Foi moi difícil a negociación dos orzamentos do ano pasado e aínda nos está pasando factura a día de hoxe. É imposible confiar en alguén que se comportou como se comportou o PSOE o ano pasado. Eu creo que podemos reconducilo, sinceramente, pero para iso hai que poñerse no camiño.

-O PSOE repróchalles que teñan acordos sen cumplir. Fala de que non cumplen as mocións, que negocie con eles os asuntos que van a Xunta de Goberno...

-O PSOE quere que cumplamos uns acordos aos que o Goberno non chegou. Non hai grandes acordos nos que o PSOE participase e que non se cumpliran. Simplemente se quedou o ano pasado en seguir acordando as ordenanzas fiscais pero, nun determinado momento, as relacións romperon e non puido seguirse. Pero nós non chegamos a ningún acordo sobre mocións, co cal non hai nada incumprido. Tampouco hai ningún acordo sobre aplicar as súas enmendas nos orzamentos porque non se introduciron a través dun acordo con nós, foi a través dun acordo co PP. Se queren algo, que falen co PP para que as cumpra.

-E sobre o consenso dos asuntos que van á Xunta de Goberno?

-Iso é unha esixencia deles, que lle ofrecimos no mes de agosto, pero a eles non lles valeu ese marco. Ofrecísmoslles un marco de negociación bilateral, onde os grandes asuntos fosen pactados con eles antes de que o Goberno tomase decisións, onde houbese reunións quincenais ou mensuais entre o alcalde e o portavoz socialista para repasar os grandes asuntos da cidade, onde darlles visibilidade á hora de cumprir proxectos que fosen iniciativa súa. Esta proposta leva na mesa desde o mes de agosto pero agora non queren falar dese marco negociador dque tanto mencionaron porque só lles interesa falar de entrar no Goberno.

-Pedíronlle concellerías en concreto?

-Non.

-O PSOE semella que se vai abster e propiciar un Goberno do PP en España. Preocúpalle que se o bloqueo se mantén na Coruña poidan unirse e mandalo á oposición?

-Iso non depende de min e procuro non preocuparme por iso. A min paréceme que sería a puntilla para que o PSOE na Coruña e en Galicia saltase polos aires. É a miña opinión, pero a min xa me chega con intentar resolver os asuntos propios como para resolver o dos demais. Desde logo, non sería unha boa noticia.

-Se se crease un clima de confianza, que concelleiros do PSOE cre que terían que entrar no Goberno? Todos ou só os que teñen experiencia de xestión?

-Non podo falar diso neste momento. A experiencia para algunhas cousas pode ser boa pero, tendo en conta a historia desta cidade, para outras cousas pode non ser tan boa. En todo caso, este asunto non está enriba da mesa nestes momentos.

-Como explicaría a un veciño por que é preciso crear a área metropolitana que presentaron esta semana?

-A área metropolitana o que pretende é xestionar os asuntos que son comúns para uns concellos limítrofes. Nós cando pensamos na Coruña non pensamos en que a cidade da Coruña, Fonteculler, Perillo ou Sada sexan realidades tan diferentes. Hai moitas persoas da nosa cidade que facemos vida en moitos concellos. Hai problemas comúns aos que responder, como os problemas de ordenación do territorio ou do transporte. Hai certas cuestións que non ten sentido duplicar e por iso é preciso un centro de decisión político onde se tomen decisións de forma conxunta. A economía da cidade, por exemplo, témola que pensar tendo en conta que temos un aeroporto que está en Culleredo e un porto que ten unha metade no municipio de Arteixo.

-O presidente provincial do PP, Diego Calvo, dixo que, antes de impulsar a área, A Coruña debía integrar a mancomunidade. Que lle parece?

-Eu creo que son ganas de enredar. Se estamos dacordo en que a área metropolitana da Coruña é necesaria o que temos que facer é poñernos a traballar e non crear problemas intermedios. Nestes momentos, a mancomunidade tiña un obxectivo que era xestionar o servizo de recollida do lixo que xestionaba o Consorcio das Mariñas, que, por un tema legal, non pode seguir. Non podemos abrir unha discusión que nos empantane para non falar do importante. É unha discusión que non vai ser productiva e que só vai crear friccións. Eu creo que o PP provincial e Diego Calvo en particular deberían reflexionar sobre se queren verse como os culpables de poñer obstáculos a algo que todo o PP apoiou en Vigo. Por que o que vale para Vigo non vale para A Coruña?

-E sen eses concellos do PP, podería seguir para diante a área metropolitana?

-Eu creo que van estar os concellos do PP porque son os máis interesados. O alcalde de Arteixo foi o primeiro interesado en non unirse á mancomunidade e ir máis alá e o alcalde de Abegondo estivo interesado desde o primeiro día nisto. Eu entendo que os asuntos de partido son como son, pero creo que participarán deste proxecto.

-Recentemente dixo que se arrepentía de ter recortado en asesores. Cando se deu conta de que fora unha mala decisión?

-Iso saíu nunha conversa informal con xornalistas madrileños na que falamos de moitas cousas. A conversa comezou cunha pregunta sobre se desde dentro das institucións as cousas se ven diferentes e sobre se agora cambiaría o programa. Eu dixen que non, porque o programa era moi realista, aínda que falamos de que había cousas que co tempo se ven diferentes. Unha delas foi a de rebaixar o salario dos asesores, que tomamos porque en moitos casos entendimos que houbera un uso ilexítimo desa figura. É algo que sigo pensando, pero si que é certo que en casos puntuais tardamos máis en atopar o perfil que buscabamos por ese motivo, aínda que temos unha plantilla totalmente comprometida e adecuada. Fixen reflexions sobre outras cousas, como que o meu salario parecíame suficiente, pero esa reflexión non saíu.

-A concesionaria do Hotel Atlántico, denunciou ao Concello pola data de finalización do contrato. Que pretende facer co edificio o Goberno?

-Nós pensaramos no seu momento en convertela en residencia universitaria pero foi antes de que a Universidade chegase a un acordo co Calvo Sotelo. Unha saída para o hotel Atlántica podería ser convertilo nunha unha dotación pública e outra alternativa sería sacar outra concesión pero que esta vez lle dese diñeiro ao Concello. Son opcions que están enriba da mesa pero non temos nada definido ao respecto. No peor dos casos a concesión non remata até 2018.