Di Andrés Fernández-Albalat que deixa a presidencia do Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide porque lle pesan os anos, os máis de noventa que ten e os dezaseis que dedicou á institución, a buscarlle un encaixe na sociedade actual, na lexislación e na cidade. Colle o seu relevo o que fora director dos Museos Científicos Coruñeses, Tino Fraga. Asegura que ten no horizonte dos vindeiros tres anos -os que dura o mandato- "abrir a institución" sen que isto supoña a perda da "excelencia" que a caracteriza.

O instituto ofrécese agora como un órgano consultivo ao que pode acudir o Concello ou outra administración para pedir opinión formada sobre os temas que afectan á cidade. Poñen como exemplo os usos da antiga prisión provincial, ou que facer cos vestixios franquistas que aínda quedan na cidade.

Sobre a mesa, segundo explica o novo director da entidade, está coma anos atrás a necesidade de atopar un espazo máis grande, que o que ocupan en Durán Loriga, no que poder dar acubillo aos seus fondos. Unha das posibilidades que segue en debate é a do seu traslado ao edificio do antigo Goberno Militar. "Está falado con Alcaldía e seguímolo falando", comentou onte Fraga que, durante esta primeira fase do mandato, vai incorporar a catro membros numerarios, actualmente hai trece e poden ser até 25: a arquiveira municipal, María de la O Suárez, a profesora Ana Romero, o arquitecto Manuel Gallego Jorreto e o enxeñeiro Carlos Nárdiz.

A entidade márcase tamén como obxectivo para este trienio recuperar a revista anual que daba conta das investigacións e dos traballos que se facían na institución e que se deixou de publicar ao comezo da crise por falta de medios económicos. Para espallar a figura de Salvador de Madariaga, durante o vindeiro ano, o instituto repartirá un folleto nos centros educativos realizado polo profesor Emilio Grandío e a profesora Olga Glondys falará, nunha das novas actividades programadas, de Salvador de Madariaga e do seu proxecto europeo.

Fraga pon tamén na lista de deberes por facer durante estes tres anos captar "novos legados" que poidan resultar interesantes para a entidade, xa que conta co de Salvador de Madariaga e tamén co do naturalista Víctor López Seoane. Actualmente, segundo os datos da entidade, até tres investigadores acoden cada día ás instalacións a consultar documentación. Para que esta cifra se incremente e para que haxa máis estudos sobre a cidade, a nova directiva prevé tamén na medida das súas "posibilidades" a creación dun premio ou dunha convocatoria que alente aos investigadores a profundar no pasado da Coruña. "Eu espero que, cando rematen estes tres anos da miña dirección, que se note", sentenciaba onte o novo director. A pesar de que xa non estará na primeira liña, Fernández-Albalat dixo onte que seguirá participando da vida do José Cornide, colaborando e propiciando o debate, iso si, farao desde o seu novo posicionamento de presidente de honra da entidade. Na directiva segue o historiador Felipe Senén, que avoga pola didáctica para que facer máis forte o instituto, para que as súas portas sexan traspasadas, non só polos investigadores senón tamén polas administracións que busquen un comité de expertos que saben tanto de arquitectura como de economía.