Para Dionisio Pereira

O mes de febreiro de 1917 comezou cun temporal de neve que deixou sentir os seus efectos no norte peninsular. O intenso frío da rúa contrastaba co animado e cálido ambiente que se observou en Santiago de Compostela a noite do venres 9 arredor da porta do hotel Suízo e o mediodía do domingo 11 na entrada do hotel La Perla, lugares onde Roberto Nóvoa Santos recibiu dúas homenaxes polo éxito obtido en Madrid o mes anterior.

Conferencia na Academia

O catedrático de Patoloxía Xeral da Facultade de Medicina publicara en 1916 o primeiro tomo do seu Manual de Patología General e o eco desa relevante edición chegou a Madrid, onde a Real Academia Nacional de Medicina o convidou o 28 de xaneiro de 1917 a impartir unha conferencia como recoñecemento polo excelente libro. Unha intervención que levou por titulo Nuevas orientaciones referentes a la patogenia y al tratamiento diétetico de la diabetes e na que Nóvoa falou dun dos temas sobre os que máis traballou ao longo da carreira profesional e no que realizou salientables achegas.

Homenaxes de alumnos e colegas

O recoñecemento exterior que supuxo a conferencia axudou a que en Galicia se valorara ao novo catedrático, respaldando o éxito obtido coa publicación do Manual e favorecendo un cambio na imaxe pública de Nóvoa, que pasou de prometedor profesor a figura da medicina con notable proxección social.

A noite do día 9 recibiu a homenaxe dos seus alumnos de Medicina e ao remate da cea ergueuse para falar. Os dous elementos constantes na súa imaxe, guecho do pelo sobre a fronte e ollada penetrante, estaban nesta ocasión acompañados dun xesto doce, sorriso que trasladaba unha indisimulada felicidade na faciana. E, "como un camarada vuestro", recomendoulles catro cousas aos estudantes: que tiveran unha actitude rebelde, gozasen da vida, estudaran intensamente para seren bos profesionais e que fosen brandos de corazón, altruístas, xa que "en la profesión médica no basta procurarse el sustento, es preciso trabajar en pro de la humanidad".

Ao banquete do domingo 11 acudiron algo máis de oitenta comensais, sobre todo da profesión médica, moitos de fóra de Santiago. Nóvoa recibiu adhesións de colegas de toda Galicia, se ben salientaron, polo número e variedade, as procedentesda Coruña, a cidade natal do homenaxeado. Da localidade herculina recibiu os parabéns do alcalde, médicos municipais, dispensario antituberculoso e numerosos colegas, como os amigos Álvaro e Luis Cornide Quiroga, Manuel Barbeito Segovia e José Barbeito Rouco; da mesma localidade procederon as adhesións de tres das catro entidades non relacionadas coa Sanidade que as enviaron, por certo, ben significativas na orientación: o Casino Republicano, a Juventud Republicana e a Universidade Popular.

Nas súas palabras Nóvoa non decepcionou, non se limitou á intervención retórica e convencional de agradecementos xeralizados; acertado ou non, sempre preferiu "mollarse", tocar temas delicados, e así o fixo tamén nese momento. Sobre o espiñoso tema dalgunhas ausencias no acto de profesores da facultade de Medicina puxo o dedo na chaga dun xeito ben explícito: "¿Es que no tuve más maestros, que los maestros ya no saben acercarse al corazón de sus discípulos?".

Organizador da homenaxe a Gallego

O mes continuou con outros eventos nos que Nóvoa foi feliz protagonista e expresou os seus sentimentos e ideas dun xeito especialmente directo e sincero. A noite do mércores 14 foron cincuenta as persoas que se reuniron no mesmo hotel La Perla para celebrar un banquete na honra deAbelardo Gallego Canel (1879-1930), catedrático de Patoloxía médica e Terapéutica da Escola de Veterinaria de Santiago. Unha homenaxe que organizou o propio Nóvoa para festexar o éxito de Gallego en Barcelona, onde acudiu convidado pola Sociedad de Biología presidida por August Pi i Sunyer para impartir entre o 12 e o 24 de xaneiro un Cursillo de métodos rápidos de diagnóstico histológico. Gallego chegara a Santiago en 1903, cando Nóvoa era estudante de Medicina e mantiña ben activo o seu compromiso anarquista, o novo profesor cáusolle impresión xa desde aquel momento, establecéndose co tempo unha relación entre ambos que incidía no terreo persoal, no ámbito das ideas e na colaboración profesional. Nese sentido resulta ben significativo que o experto en Histoloxía (estudo dos compoñentes celulares dos seres vivos) participou como autor no Manual de Patoloxía de Nóvoa, o único no primeiro tomo (o de 1916), escribindo sobre tumores.

O profesor de Veterinaria agradeceu as axudas prestadas cando quixo iniciar en Compostela os seus traballos histolóxicos, citando entre outros a Miguel Gil Casares, Ángel Baltar Cortés, Manuel Varela Radio, Roperto Lobo e, sobre todo, a Nóvoa, de quen dixo: "Al pretender conocer la histopatología médica tuve la suerte de ser llevado de la mano de mi gran amigo el doctor Novoa Santos, este hombre extraordinario, a quien no le es hostil ningún problema en la clínica ni en el laboratorio". Asemade, Gallego fixo referencia á súa técnica histolóxica, que cualificou de "revolucionaria, en armonía, claro está, con mi espíritu rebelde", na busca de "democratizar la técnica histológica, poniéndola al alcance de todas las inteligencias y de todas las fortunas".

O poema de Nóvoa

Entre as intervencións dos asistentes salientamos, pola súa singularidade, dúas, a primeira a do naronés Xesús Culebras, axudante de Gallego, porque falou en lingua galega, xa que, "Señores: Eu son rexionalista, irmán da fala galega, e coma tal comprometido a expresarme nesta lingua sempre que en público predique". A segunda a de Nóvoa, porque deu lectura a un poema da súa autoría dedicado ao homenaxeado. O texto, Retrato, era unha descrición do científico:

"Fosco y mordaz. De continente recio / Hirsuto y fiero, con el chiste en el labio profesa / como un griego la filosofía de Lucrecio / y luce en su cabeza calva el tesoro de un sabio./ Ha hecho de la carne tapices de colores / y ha destejido y ha hilado en la rueca sin fin / y ha puesto tanta luz y tal lumbre en sus amores / que de fosco y recio, se ha vuelto sutil. / Su corbata bermeja-puesta de Sol y sangre de toro / es un símbolo, hecho trapo, de nuestro caballero: / un sueño de esperanzas, un raudal de oro, /como el horizonte oscuro y lejano de un aventurero. / Sabe arrancar, como un brujo, los colores del cielo / para teñir los hilos de una piltrafa inmortal / y para guardarlos, avaro, hechos cromo y anhelo / en un respaldo y en un marco de bálsamo y cristal. / Ha enseñado á pintar de prisa y á descubrir un tesoro / y ha dado á sus figuras tal vigor y tonos tan extraños, / que las huellas de la pluma de su pincel de oro / soportarán, sin nublarse, la luz y la cadena de los años. / Ya le conocéis. Ese es nuestro caballero Don Quijote, / cuya cuna ignoro, pero que no es galiciano ni catalán. / Este es, amigos, el soñador, y bueno y rebelde Sacerdote / en cuyo honor corre en la sangre un hilo y una burbuja de champagne!"

Nóvoa fixo unha referencia, probablemente compartida por el mesmo, á identidade epicúrea de Gallego, o gusto polo poeta-filósofo latino Tito Lucrecio Caro. Un pensador que recentemente estivo de actualidade pola publicación do excelente libro El Giro de Stephen Greenblatt, no que o seu autor narra a recuperación do seu notable poema De rerum natura por Poggio Bracciolini a principios do século XV.

Un certo autorretrato

Dous días despois da cea de homenaxe a Gallego, o venres 16 de febreiro de 1917, o xornal El Eco de Santiago reproduciu na primeira plana un artigo de Nóvoa dedicado ao seu amigo. Asinouno como Max, aludindo a Max Stirner (1806-1856), escritor que exerceu unha notable influencia nos ambientes libertarios, toda unha declaración de complicidade e identificación con esas ideas entre os dous profesores. Por outra banda, o texto resulta especialmente interesante porque Nóvoa, aludindo a Gallego, falou, de forma indirecta del, describindo a belixerancia e incomprensión que ambos sufriron dunha contorna social hostil. Unha Compostela de principios do século XX que cualifica, ata en catro ocasións, como cidade "triste y desconfiada", alusión que, coidamos, utilizou como contraste co título dunha obra de Jacinto Benavente que acadou grande sona naquel tempo, La ciudad alegre y confiada, representada en Santiago no Teatro Principal o xoves 22 de xuño de 1916.

Fronte a imaxe de home "temible" e "perigoso" que se lle atribuíu en Santiago a Gallego (e a el mesmo) polo feito de defender ideas heterodoxas e progresistas, Nóvoa defendeu o carácter do profesor de Veterinaria, "la blandura del corazón de un niño y la sencillez sin pliegues de las cosas puras y diáfanas". E tamén explicou como o compromiso político inicial deu paso ao intenso traballo científico: "Dejó a Nietzsche y a todos sus camaradas y se puso a manejar la cuchilla y los líquidos de colores, y se enterró entre los muros de un Laboratorio", un camiño idéntico ao seguido por Roberto nos derradeiros cursos da carreira de Medicina. Mais ese labor, coidaba, non permitiu superar os prexuízos reaccionarios: "Mas a pesar de que ha trabajado por amor al trabajo; a pesar de haber cultivado la Ciencia por la Ciencia, y no por la remuneración y el interés mezquino, se ha levantado sobre él una nube de silenciosa hostilidad".

O éxito científico e clínico dos que gozou Roberto Nóvoa en 1917 xerou envexas entre algúns colegas, iso e as súas críticas a certos "mestres" e á contorna social, xunto a exaltación da rebeldía como unha virtude persoal e pública, pasaríanlle factura nos anos inmediatos. O intelixente, e ao tempo inxenuo, profesor non presaxiaba naquel tempo de felicidade o furacán que lle viña enriba e que lle obrigaría a cuestionarse o seu futuro en Compostela.