A concelleira de Medio Ambiente, María García, é a responsable no Concello da relación con Albada, a concesionaria da planta de tratamento de residuos de Nostián, á que haber que abonar 5 millóns de euros en lugar dos 32,6 que reclamaba por sobrecustos xurdidos na súa actividade.

-Vai recorrer o Concello a sentenza?

-O asunto está na asesoría xurídica para estudar se se vai recorrer e se o importe fixado do custo do metro cúbico do vertedoiro é o axeitado para calcular a compensación.

-A empresa e o Concello teñen moitos asuntos nos tribunais.

-Esa é a estratexia de Albada, entrar no plano xudicial e amedrentarnos con demandas multimillonarias, aínda que parece que non lle está funcionando.

-O PP di que lle corresponde gran parte do mérito da sentenza por encargar as auditorías nas que se basea parte da argumentación do xuíz. É así?

-Ten que haber solidariedade entre os partidos, porque estes procesos transcenden un mandato municipal e é importante que teñamos un consenso básico sobre asuntos tan relevantes como estes pleitos multimillonarios que representan unha ameaza para o Concello, pero tamén para os cidadáns.

-Tamén di que está sentenza pode utilizarse para recuperar os 3,3 millóns anuais que se entregaron a Albada por sobrecustos dende 2011.

-Esta sentenza o que lle di a Albada é que tivo un erro grave nas súas previsións e que diso se derivan moitos problemas, polo que é posible que esa liña argumental, que nós avalamos, teña repercusións nos outros contenciosos que aínda están en vigor. O pleito polos sobrecustos parte dun acordo de 2011 polo que se paga polos residuos que non se poden tratar e creo que aínda tardará en chegar a sentenza.

-Fala dos erros cometidos por Albada para calcular os residuos non tratables. Como é posible que o Concello non controlase este aspecto ao adxudicarlle o contrato?

-Creo que nese momento se estaba nun momento de euforia aprobando certa tecnoloxía a que aínda lle faltaba certa traxectoria e que eles fixeron unhas previsións bastante optimistas que lle achacan ao Concello. O que di o xuíz é que o Concello practicamente non deu información preexistente, senón que eles mesmos fixeron a caracterización dos residuos, polo que sabían como era o lixo e eles programaron as campañas de educación ambiental e estimaron a porcentaxe de rexeitamentos que ía xerar o seu sistema, polo que a sentenza di que Albada fixo todo o procedemento e unhas previsións nas que se equivocou estrepitosamente.

-En que cambiou a relación do Concello con Albada con este Goberno local?

-Temos unha relación rutineira pola prestación dun servizo, polo que hai contactos permanentes sobre como ten que funcionar o tratamento, pero os aspectos que están xudicializados se dirimen nos xulgados.

-Hai máis control sobre a súa actividade cotiá?

-Hai máis control e acabamos de realizar unhas inspeccións sobre as descargas que fai o servizo de recollida do lixo, que presta outra empresa e que se queixaba de que as condicións non eran as idóneas. Estamos enriba da planta.

-A concesión remata no 2019. Pensa o Goberno local en variar o sistema de xestión da planta?

-Iso tamén é controvertido porque a planta comezou a operar de maneira progresiva e hai diferentes datas, como a inauguración oficial e a sinatura do contrato, polo que hai disparidade de opinións sobre cando remata a concesión e podería ser entre 2020 e 2021. Agora estamos valorando diferentes opcións sobre a xestión coa asesoría xurídica porque ten que ver coa capacidade legal para facerse cargo dese persoal. Tamén estamos dialogando co Consorcio As Mariñas para ver en que sentido queremos seguir colaborando. Creo que vai haber cambios pero necesitan un tempo de preparación suficiente e por iso estamos traballando xa para poñelos a andar.

-Sería moi elevado o custo para o Concello se asumise a xestión da planta?

-Todo depende do investimento que haxa que facer en renovación da maquinaria entre outras cousas e que reformas habería que facer para que a planta funcione como nós queriamos que o fixera dende o principio porque cremos que hai algún fallo de deseño. En función do investimento que haxa que facer irá o canon que haxa que pagar.

-É posible aumentar a porcentaxe de residuos que se reciclan?

-Estamos traballando en dúas liñas, unha para mellorar toda a xestión dos residuos e que comeza nas casas porque canto mellor se separen máis fácil é o tratamento e menos rexeitamentos se producen, ao tempo que hai máis ingresos e menos custos. Tamén hai que facer melloras na planta porque se cadra ese sistema de biodixestores tan grandes non trouxo os resultados que se esperaban. Estamos ademais estudando outras maneiras de elaborar compost de calidade para poder vendelo. Hai que dicir que nos residuos inorgánicos temos unha porcentaxe de recuperación moi alta e moitos ingresos, sobre todo en comparación co sistema de Sogama, polo que estamos moi orgullosos.

-Non é sorprendente que ata agora só se fixera unha campaña para promover a separación nos domicilios?

-Dentro do contrato de Albada hai unha porcentaxe de diñeiro que se ten que dedicar a educación ambiental e temos noticias de que aínda quedan cartos, polo que queremos tirar desa partida para campañas que estamos desenvolvendo con recursos propios e cos que Ecoembes dedica a comunicación en Galicia, que aquí ten que ser cunha mensaxe diferente porque o sistema de recuperación é distinto. Dende que Marea chegou ao Goberno fixemos cinco campañas sobre separación en orixe con recursos propios.

-Inflúen na xente á hora de separar os residuos as informacións negativas sobre a planta?

-Inflúe descaradamente porque houbo moita contrainformación. Xa non é só que na prensa se publiquen só os conflitos, senón que aínda me chega a xente co mito de que nos camións se xuntan todos os residuos, que non é verdade, aínda que é unha mensaxe que parece que se conseguiu establecer. Deberiamos difundir por exemplo os ingresos que temos por recuperar os residuos e o potencial que teriamos se a xente colaborase nas casas. Se separásemos o papel e o cartón no colector azul, teriamos un millón de euros máis para o Concello.

-Afecta tamén que se estea tirando a produción de compost?

-Non é que se tire todo o compost porque se está utilizando como tecnosolo, solos sintéticos de produción artificial para restaurar áreas degradadas. O meu obxectivo é producir compost de calidade superior para que se poda utilizar incluso en agricultura, para o que hai que facer recollidas de residuos orgánicos de moita calidade, porque é imposible se van mesturados con outros residuos, para o que hai que traballar con mercados, supermercados e hostalaría.