Para o alcalde, Xulio Ferreiro, a reformulación da fachada marítima é "o gran reto dos vindeiros 25 anos" para a cidade e asegura que o Goberno local "estará á altura da responsabilidade e da dimensión do desafío".

"Cómpre lembrar que, cando chegou a Marea ao Goberno municipal, esta cuestión dos peiraos estaba case pechada e a especulación gañara a batalla e foi este Goberno o que conseguiu reabrir o debate da man da xente que está apoiando na rúa", explica o alcalde, que enfatiza o papel que están a xogar os axentes sociais para conseguir que o uso deses terreos liberados sexa, no futuro, público. "Este Goberno non vai colaborar noutro tipo de interese, está dando pasos e está dialogando coa cidadanía e coas administracións implicadas e seguirá nesa liña. Obviamente, son terreos aos que a cidade ten dereito e nós imos exercer ese dereito con absoluta seriedade e responsabilidade e xa estamos pensando nos usos que se lle poidan dar a eses terreos", comenta Ferreiro, que avoga pola xestión pública da fachada marítima e por que sexan os veciños da cidade os que decidan que se pode facer con eles. "Estámoslle dando a volta ao que era unha cuestión moi inxusta e prexudicial para A Coruña, como era que estes terreos se usasen para a privatización. O que temos por diante é o inmenso desafío de conseguir que estes terreos, toda a fachada marítima, sexa tanto xestionada como utilizada de xeito público. Queda moito por facer, pero este Goberno ten como prioridade a defensa e a recuperación dos terreos portuarios. No caso da Solana actuamos rápido porque, de non facelo, xa estarían vendidos a unha empresa privada", sentenza Ferreiro.