Roupa e plantillas térmicas programadas desde o teléfono móbil

Termolagoa é o proxecto do IES Isaac Díaz Pardo de Sada para o programa 'Lanzadeiras Coruña' da Xunta

24.03.2017 | 18:22
Alumnos do IES Isaac Díaz Pardo traballan no seu proxecto de miniempresa.

Dentro do proxecto Eduemprende organizado pola Consellería de Educación e a Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN inclúese o programa Lanzadeiras Coruña enfocado á creación dunha ducia de proxectos de miniempresas en dez centros educativos da provincia.

Alumnos de 1º de Bachillerato das materias de Tecnoloxía Industrial, Robótica e Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) xunto cos que cursan Economía de 2º de Bachillerato no IES Isaac Díaz Pardo de Sada asumen a maior carga de traballo da miniempresa Termolagoa Sociedade Cooperativa Galega.

Unhas zapatillas con luz e con calefacción para un proxecto de tecnoloxía industrial foi a orixe desta miniempresa que se adica ao deseño, produción e comercialización de roupa e plantillas térmicas cuio funcionamento se pode programar e controlar desde unha aplicación no móbil. Aínda que este produto xa está no mercado, a coordinadora do proxecto destaca que como se atopa a prezos elevados tratarase de reducir custos para sacar unha oferta máis económica co obxectivo de que chegue a máis clientes. Pero, por agora, os alumnos aínda están na fase de formación sobre electricidade, electrónica, programación? e demais conceptos que precisan antes de poñerse a traballar na fase de produción.

Despois os alumnos dividiranse en grupos simulando os departamentos dunha empresa real: os alumnos de Tecnoloxía Industrial encargaranse de toda a parte de produción, os de Robótica da programación da placa arduino e tamén se ocuparán do deseño da aplicación para o móbil, os de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) do plan de marketing e os de Economía do plan financiero. Xa teñen feito tamén o estudo de mercado para dar co perfil de cliente potencial mediante enquisas ao profesorado, ás familias e a alumnos do centro. A venta realizarase a través da páxina web da miniempresa. Os participantes están moi ilusionados co proxecto de Termolagoa e aínda non cren que se poida converter en realidade pola complicación que lle ven. "Pero ao ir vendo os avances danse conta de que con traballo todo é posible", destaca a coordinadora desta iniciativa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine