Esta é a historia señores

escoita con gran coidado

dunha viúva de Lugho

e un concelleiro imputado

Alá no mes de febreiro

o Entroido xa entrado

polas rúas da Coruña

había un cartel pegado

Resultou ser un choqueiro

todo vestido de branco

as meixelas arrubiadas

e o nariz colorado

Na man levaba unha copa

e o papa-móbil colgado

Ai! O que ven os meus ollos!

Isto é cousa do diaño!

Escandalizouse a viúva

e pediu axuda aos santos

porque o que vai de choqueiro

vai de Papa disfrazado

Montou un gran revolico

ata falou pola radio

encargou unha novena

e rezou algún rosario

Estas cousas non pasaban

cando gobernaba Franco

pero é que a democracia

é o mundo do pecado

Condenarao o Deus no ceo

que na terra eu xa me encargo

pois ao que isto permite

heino levar ao xulgado

E non remata aquí a historia

do concelleiro imputado

a que a xuíz se pronuncie

estamos aquí agardando