- É o aparcamento un problema grave na Agra do Orzán?

-Non é grave, é gravísimo. Intentouse resolver con diferentes aparcadoiros soterrados como o da praza das Conchiñas, que foi un fracaso, xa que o único que fixo foi destruír a praza. Ese aparcadoiro non funciona porque somos un barrio de xente maior e obreira que non nos podemos permitir pagalo. O que fan falta son prazas gratuítas en superficie, e a mostra é o aparcadoiro que se habilitou fronte ao Ágora.

- Cal pode ser a solución para o barrio?

-Nós xa plantexamos que hai que ir a aparcadoiros en superficie e mesmo en altura. Propuxemos no seu día que o solar que ocupou Eroski na rolda de Outeiro fora adquirido polo Concello para que construira un aparcadoiro en altura como hai en cantidade de lugares do mundo. Fálase ademais de aparcadoiros disuasorios, pero en realidade non se fan, porque cando se planificou o parque Adolfo Suárez nós propuxemos que se collera unha franxa de cen metros de fondo xunto á rolda de Outeiro que serviría tanto para o barrio como aparcadoiro disuasorio porque alí desemboca a terceira rolda e nesa zona hai unha circulación de autobuses urbanos abondosa.

- Como se vive a cotío no barrio o problema da falta de espazo para aparcar?

-É desesperante. Hai que planificarse para vir, porque este é un barrio moi comercial e ao que vén traballar moita xente que non é do barrio. Os monitores que imparten actividades na asociación de veciños entre as catro e media até as oito da tarde teñen que vir como mínimo con media hora de antelación e andar dando voltas dun lado para outro até conseguir atopar un oco ou ir ao aparcadoiro de pago, pero iso pódese facer un día, non todos porque é imposible de asumir economicamente.

- E supoño que a dobre fila estará ademais presente en moitas rúas.

-Xa estivo máis presente do que está. Hai moitas veces que non queda máis remedio que aparcar en dobre fila, aínda que hai rúas onde non é posible facelo. A dispoñibilidade de aparcadoiro que temos é de cero e o problema é gravísimo. A certas horas é completamente imposible.

- Cal é a peor hora para estacionar na Agra do Orzán?

-As peores horas son as do horario laboral, polo que o mellor momento para atopar sitio é contra a hora de comer ou despois das oito e media ou nove da tarde, porque no resto do día é practicamente imposible.

- O problema parte de que a maioría dos edificios do barrio non teñen garaxe. Dispoñen del os novos inmobles?

-No noso barrio non se constrúen novos edificios, xa que non hai un oco no que construír. E as superficies dos edificios non son grandes, polo que é complicado facer un aparcadoiro. Habería que facer varias plantas, o que é custosísimo, polo que o prezo das prazas sería prohibitivo. Hai edificios onde o baixo utilízase como aparcadoiro, pero as prazas son moi poucas. Este barrio fixéronno os especuladores e como nese momento non había problema de aparcadoiro, non se pensou neste asunto. Pero de cara ao futuro tampouco se está planificando, porque no plan xeral non aparece previsto este problema, non só na Agra do Orzán, senón en todos os barrios colindantes.