Un mozo foi condenado a un ano e medio de prisión por agredir a outro no transcurso dun partido de fútbol no polideportivo municipal de Perillo (Oleiros), tras chegar a un acordo co Ministerio fiscal. O xuízo, que estaba previsto que se celebrase onte na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, non se chegou a celebrar ao producirse conformidade.

A Fiscalía solicitaba para o acusado no seu escrito de cualificación unha pena de cinco anos de prisión, pero finalmente, tras alcanzar un acordo entre as partes, rebaixoulle a condena a un ano e medio de prisión ao contemplar a atenuante de reparación do dano. O procesado pagou a indemnización correspondente a vítima polas lesións que lle causou.

Os feitos sucederon en xaneiro de 2015, cando o home lle propinou un cabezazo a outro na boca nun lance dun partido de fútbol que se estaba celebrando no polideportivo municipal de Perillo, segundo recolle o escrito do Ministerio público, co que se mostrou conforme o acusado. Contra a sentenza non cabe recurso porque foi ditada baixo a conformidade de todas as partes implicadas no caso.