Expiraron os dereitos de autor, e as personaxes de Valle Inclán comezaron a falar en galego. Fixérono por vez primeira con A cabeza do dragón, de Producións Teatrais Excéntricas, e agora volven facelo da man do Centro Dramático Galego, que o 2 e 3 de xuño ás 20.30 horas representará no teatro Rosalía dúas das tres obras que compoñen os Martes de Carnaval. A filla do capitán e As galas do defunto subirán a escena a través de 10 actores e actrices, que darán vida a máis de 30 papeis construídos baixo a dirección de Marta Pazos e a tradución de Manuel Cortés.

"A representación desta obra en galego é outro paso na normalización lingüística", dixo durante o acto de presentación o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Sande, que tamén destacou a importancia do proxecto como unha posta en valor da muller en cargos de responsabilidade dentro das artes escénicas.

Un posto que nesta ocasión ocupa Pazos. A directora e actriz pontevedresa asegurou que a orixe natal do dramaturgo facilitou a adaptación do seu texto ao galego, dando lugar a "unha relación moi natural coa obra", na que tratou de dar "unha visión actual da crítica dos poderes feita por Valle", a través dunha "viaxe histórica" que vai desde o século XIX de As galas do defunto, ata o 2017 de A filla do capitán. "Son obras con moitos paralelismos co presente, como a corrupción", explicou Pazos.

O idioma e o tempo non foron os únicos cambios que fixo. A directora tamén quixo mudar o xénero "das personaxes que podían resistilo no texto", de xeito que se puidese dar cabida a máis actrices no elenco respectando ao mesmo tempo a esencia da obra. "O final é belísimo e gústalle á xente, e iso é o importante", conclíu.