O 19 de xuño de 1839, Alexander von Humboldt redactou unha carta a Ramón de la Sagra. O escrito está asinado en Postdam, lugar onde o rei de Prusia contaba cun excelente pazo ao que se retiraba con bastante frecuencia e no que adoitaba acompañalo o científico, que exercía de chambelán real. Agradeceulle ao coruñés o "magnífico presente" co que lle agasallara, "A historia física e política da illa de Cuba que vostede compuxo", ou sexa, un libro sobre un lugar especialmente querido por Humboldt: "A lembranza daquel país é para min ben preciosa". Asemade, o prusiano salientou a capacidade intelectual de Sagra: "É raro que se atope nun só home tanta variedade de coñecementos e tanta elevación no xeito de pensar" e felicitouno por ser deputado nas Cortes: "Ten vostede na intelixencia e na alma todo canto se precisa para acadar un lugar distinguido nos destinos de aquel grande e desgraciado país, que exerceu tan nobre influencia nos negocios humanos".

Interese común por Cuba

Coñecemos do escrito porque figura nas actas dun congreso que sobre a figura de Sagra se celebrou en xaneiro de 1992 en París, publicadas en Sada por Ediciós do Castro, texto recollido dun medio cubano, o Noticioso y Lucero de La Habana do 9 de decembro de 1838. Houbo máis cartas, porén a lamentable destrución do legado de Sagra, incluída a súa propia tomba, impide dispoñer delas. O libro do que falou Humboldt era a obra magna do noso paisano, a Historia física, política y natural de la Isla de Cuba, editada en París, os primeiros doce volumes entre 1839 e 1854 e o décimo terceiro en 1861. Sagra dispuxo da primeira remesa de cadernos que formaban parte do volume inicial en xaneiro de 1838, polo que a ese principio do texto se refire Humboldt na carta comentada.

Falamos dunha obra dun grande valor documental, que a profesora Ascensión Cambrón considera "inigualada no universo cultural da época en que foi concibida", volumes que inclúen rigorosas descricións e fermosas láminas de seres naturais. Non é de estrañar que espertase o interese de Humboldt, quen desenvolveu diversos estudos sobre Cuba a raíz das dúas estadías no país caribeño. O principal froito do traballo do prusiano sobre a illa foi o importante Ensayo político de la isla de Cuba, cunha primeira edición en español en 1827. O libro fornecía de numerosos datos sobre economía, demografía, climatoloxía, historia natural, agricultura e cartografía da illa.

Presenza de Humboldt nos traballos cubanos de Sagra

Se para o científico prusiano resultou interesante a obra de Sagra, ao coruñés foille especialmente útil o seu Ensayo, que constituíu a principal fonte de información publicada de que dispuxo para a elaboración da súa Historia de Cuba.

Pero xa antes do inicio desa obra, nas diferentes publicacións de Sagra sobre a illa, as alusións ao labor de Humboldt foron continuas. Atopamos un exemplo diso nunha revista que creou, e na que actuou como único redactor, os Anales de Ciencias, Agricultura, Comercio y Artes, editada en La Habana entre xullo de 1827 e decembro de 1831. As referencias ás observacións de Humboldt na illa son ben abondantes nas páxinas desta interesante revista. De xeito recíproco, datos publicados por Sagra na Historia serían utilizadas por Humboldt nalgunha obra posterior, por exemplo en Cosmos.

Identificación e adquisición do mapa de Juan de la Cosa

A carta de Humboldt a Sagra ten o interese complementario, e non menor, de aludir a un tema relevante, o da identificación do mapa do mundo máis antigo conservado no que aparece por vez primeira o continente americano, o do cántabro Juan de la Cosa. Este navegante participou en sete das primeiras viaxes a América e o seu mapa, de 1500, mercouno moi barato en 1832 o barón Walckenaer, ministro plenipotenciario de Holanda en París. Humboldt soubo del despois de publicar o seu Ensayo, deuno a coñecer en 1838 e Sagra reproduciuno na Historia. Na carta, Humboldt celebrou esa inclusión e afirmou: "Eu descubrín o nome e a importancia deste monumento xeográfico". Mais aí non rematou a historia. Á morte de Walckenaer en 1853 foi Ramón de la Sagra quen animou ao Goberno español para que adquirira, por 4.321 francos, esta alfaia da historia cartográfica e quen actuou de intermediario na merca, permitindo que hoxe podamos contemplalo no Museo Naval de Madrid.

Outros intereses compartidos

Cuba foio motivo fundamental que uniu a estes dous personaxes, mais o interese de Sagra polas expedicións, observacións e xeito de considerar a ciencia e a sociedade de Humboldt estaba xa presente con anterioridade a súa atención pola illa e será permanente. Lembremos que, como explicamos noutro episodio, cando o científico coruñés marchou cara Cuba desde o porto herculino o 25 de xuño de 1823, realizou un traballo sobre a temperatura da auga do océano que tiña como referencia explícita a outro similar de Humboldt, o que amosaba ese interese compartido por medir e comprender a natureza na súa integridade. De feito, Sagra foi especialmente sensible á concepción que o prusiano recollía da Filosofía Natural alemá de contemplar de xeito global o mundo e converteuse en receptor das súas propostas xeográficas, o xeito de entender o estudo científico do territorio.

Ambos autores viviron os tempos da crise do Antigo Réxime, da irrupción dun novo mundo de ideais que plasmou a Revolución francesa, coa que se identificaron. Asemade, en tempos difíciles para esas posicións, coincidiron no seu rexeitamento ao escravismo. E, inevitablemente, tiveron contactos e amigos comúns, mesmo apareceron colaborando nunha significada publicación liberal relacionada con ambientes masónicos, La Crónica científica y literaria de Madrid (1817-1820), onde un Sagra moi novo publicou os seus primeiros escritos en 1819.

¿Tivo lugar un encontro entre ambos? Probablemente, en 1839 o coruñés viaxou a Alemaña e Bélxica para contrastar algúns materiais da colección de obxectos naturais que trouxera de Cuba cos que "outros sabios recolleran en visitas máis recentes á illa". Quen tiña o maior coñecemento do tema era Humboldt, que naquelas datas residía en Berlín.

As dificultades de interlocución

No seu paso por España Humboldt estableceu moitos contactos con personalidades liberais das localidades por onde pasou. Na estadía coruñesa, de onde partiu a expedición americana o 5 de xuño de 1799, polo que mañá será o seu 218 aniversario, tamén fixo iso, achegouse a figuras como o enxeñeiro naval Rafael Clavijo y Socas, responsable dos Correos Marítimos, e o seu subordinado, o betanceiro Francisco Roldán y Gil. E se non tratou con Sagra, que tiña pouco máis dun ano, puido coñecer ao pai, Lorenzo, comerciante que formaba parte da Xunta de Goberno do Consulado Marítimo y Terrestre, entidade que constituía, por mor da clases impartidas na súa escola de Náutica, o principal centro de educación científica da cidade.

As relacións que estableceu Humboldt con numerosos científicos ao seu paso por España non tiveron a continuidade que poderíamos agardar. Atribuímos ese afastamento á crise política e científica provocada pola guerra de 1808 e, sobre todo, á represión política do absolutismo capitaneado polo rei Fernando VII, que deu lugar á persecución de numerosos científicos, entre eles moitos dos anteriores contactos de Humboldt, os seus interlocutores naturais. Por iso durante anos as relacións do prusiano só tiveron lugar cos exiliados, como foi o caso de Mariano Lagasca ou o noso Ramón de la Sagra. Pode ser que a ese desolador panorama se refería Humboldt cando na carta a Sagra falaba de "desgraciado país", ¿un país de científicos exiliados?