O Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 introduce unha serie de novidades vinculadas aos novos programas educativos ata 2020. Dentro das dez liñas mestras do novo documento, destacan os plans específicos que se poñerán en marcha o vindeiro curso para dar resposta aos novos retos e oportunidades que se plantexan no sistema educativo galego. Así, desenvolverase un plan específico dirixido a apoiar ás persoas que desenvolven ou queren desenvolver funcións directivas nos centros. Ademais, e ao abeiro da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, implantarase por primeira vez un plan específico co fin de promover a certificación do profesorado.

Do mesmo xeito, a futura Estratexia galega de educación dixital 2020 conleva o desenvolvemento de formación neste ámbito. Neste mesmo marco introdúcense as iniciativas formativas no ámbito STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), vinculadas ás materias de libre configuración autonómica como Programación, Robótica ou Identidade dixital, esta última de nova implantación o curso que vén. O plan recollerá a posta en marcha dun módulo obrigatorio de acompañamento sobre igualdade, convivencia e inclusión coa intención de que todo o profesorado teña a oportunidade dunha formación básica e actualización. Na mesma liña, traballarase no desenvolvemento das Escolas de nais e pais, entendidas como unha ferramenta esencial para favorecer a participación das familias na educación.