Kiko da Silva Debuxante de banda deseñada, editor, fundador e profesor da escola Garaxe Hermético

"Hai que intentar que non se perda a paixón pola lectura e pola banda deseñada"

"Se os autores galegos conseguimos que os editores tradicionais empecen a ver que hai mercado na nosa lingua, empezarían a abrir coleccións"

09.08.2017 | 02:18
Debuxo de Kiko da Silva para os lectores de LA OPINIÓN.

Kiko da Silva, o único galego invitado á XX edición de Viñetas desde o Atlántico, é o creador do personaxe infantil Fiz, que ilustra libros e revistas dende 2003. Tamén é fundador da primeira escola profesional de banda deseñada de Galicia.

- Unha das súas creación máis queridas polo público é Fiz. Que quería transmitir ao público coa creación deste personaxe?

-Realmente o que quero é transmitir o mundo da infancia, non só entre os nenos, tamén entre os adultos, intentar que a paixón pola lectura e pola banda deseñada non se perda. Agora hai que loitar cos videoxogos, a televisión, internet, por iso hai que ofrecerlles aos cativos libros educativos pero divertidos á mesma vez. Temos que realizar libros, sobre todo en galego, que gusten aos nenos, que os disfruten e os compartan, e introducilos no colexio. Eu intento sempre que fago Fiz entrar dentro do meu mundo infantil e buscar o neno que todos temos dentro.

- A lingua galega semella que se está a perder cada día máis, co seu traballo tamén intenta loitar contra isto.

-Si, pero é moi difícil e complexo. Custa moito publicar banda deseñada en galego, agora se está empezando a producir, pero o que máis se encontra son traducións. Eu decidín escribir sempre en galego, aínda que a edición fose a salir en castelán, pero pedía aos meus editores que me deixaran a edición en galego libre para publicala eu. Intento aplicar o meu pequeno gran de area a todo o que falta por facer para a mellora da difusión da nosa lingua. Se os autores galegos conseguimos que os editores tradicionais empecen a ver que hai mercado, empezarían a abrir coleccións.

- Coa creación da súa escola, o Garaxe Hermético, moitos rapaces poden agora emprender un estudo profesional desta materia. Como surxiu o proxecto e en que se converteu?

-Cando puxen en marcha a escola foi un poco como plan de futuro, se aceleramos o proceso de formación, vai haber máis xente producindo banda deseñada. Pasaron xa máis de 100 alumnos, e algúns xa están publicando. Mañá [por hoxe] fago públicos os premios de fin de carreira, son dúas rapazas, que tamén é algo importante, xa que hai que normalizar a presenza das mulleres dentro do cómic. Agora, no curso que vén temos un 70% de mulleres matriculadas, empezan a cambiar os tempos. O Garaxe o que produce é unha profesionalización máis intensiva. Unhas das cousas máis importantes que creo que ofrecemos é esa parte máis alá do debuxo, como escribir historias, pero tamén ensinamos a xestionar a profesión, a ler un contrato, como funcionan os dereitos nacionais e internacionais, saber levar unha contabilidade para poder ser autónomo o día de mañá... cousas básicas e útiles para o seu futuro profesional.

- E grazas a escola, agora traballa con algúns dos alumnos na creación de Castelao, alma galega .

-Si, apetecíame probar a traballar con aprendices. Eles están a facer un traballo, e gañan a parte económica que lles corresponde, claro está. E unha maneira de aprender facendo directamente a banda deseñada. Así coñecen dende dentro a autoesixencia dun autor, viven o proceso real de producción; se a campaña ten que estar para dentro de tres meses non te podes prolongar; eso é o que lles custa máis traballo. Tamén hai que deixar claro que Asterix non está producida solo por Uderzo, ten moita xente detrás.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine