María García Concelleira de Medio Ambiente da Coruña

"A Xunta non debería ter admitido o estudo da planta de Santa Icía polas súas carencias"

"Creo que todos vemos que un proxecto desas características non pode estar aí e agardo que Beatriz Mato tamén o vexa"

01.09.2017 | 13:27
María García, concelleira de Medio Ambiente.

- Hai unha especial preocupación do Concello polo proxecto da planta de residuos de Santa Icía?

-Estamos preocupados porque entendemos que non é a ubicación na que se ten que implantar esta instalación, que se dedica ao manexo de residuos e que vai ter un tránsito de camións. Debería estar nun polígono industrial, dos que hai moitos baleiros en Galicia, e non nun terreo rústico de protección forestal e moi próximo a núcleos de poboación. Non nos parece una ubicación axeitada para un proxecto destas características.

- A planta vai tratar residuos de construción, pero a actividade deste sector non medrou nos últimos anos.

-Pero si se está xerando unha economía arredor dos residuos, xa que é un servizo ao que as administracións non podemos renunciar en moitos casos. O que cuestionamos é se realmente fai falta agora mesmo construír una nova planta ou se se poderían aproveitar as existentes, que cremos que sempre é a mellor opción.

- Nas súas alegacións, o Concello di que a empresa non ofrece os datos necesarios para analizar o proxecto.

-O estudo de impacto ambiental ten unhas carencias gravísimas, polo que xa tería que ter sido inadmitido pola Consellería de Medio Ambiente. Non describe as infraestruturas e instalacións necesarias para o seu funcionamiento diario, como o abastecemento de auga, o saneamento, tendido eléctrico... Sabemos que existen porque aparecen nos planos, pero non se describen de ningunha maneira. Un aspecto moi importante, que é a analise das alternativas para decidirse por unha ubicación, é inexistente, xa que só se analizan o traballo manual e o mecanizado, cando isto é unha cuestión de escasa relevancia medioambiental e só interésalles a eles pola eficiencia dos procesos. Tampouco se analiza o impacto sobre a poboación nin o tráfico de camións para saber o uso que se fará das estradas e os fluxos de vehículos que haberá, cando sabemos que terá unha importancia altísima para a xente que vive nas proximidades. As carencias son tan serias que o proxecto debería someterse novamente a un estudo de impacto ambiental, pero non simplificado, senón ordinario.

- Cre que a Xunta non debería ter aberto o periodo de información pública do estudo de impacto ambiental?

-Entendo que o estudo que está sometido a información pública tería que ter sido inadmitido polas carencias enormes que presenta. A avaliación dos impactos ten que ser moitísimo máis pormenorizada, posiblemente para chegar á conclusión de que ese non é o sitio para poñer a planta.

- Os veciños da contorna semellan bastante preocupados porque están presentando alegacións e recollendo sinaturas contra a planta.

-Nós entrevistámonos cos veciños de Feáns e seguiremos visitando a zona para compartir impresións con eles. A verdade é que están preocupados porque entenden as repercusións que pode ter o proxecto polo tráfico de camións, ruído, dispersión de pó? Sabemos que a proximidade é moi escasa e que a preocupación é lóxica.

- Ten previsto o Goberno local alguna iniciativa se a Xunta da luz verde ao proxecto?

-Por suposto, estamos barallando as próximas accións en diferentes ámbitos e transmitirémolas no seu momento. Agardo que a Consellería de Medio Ambiente reflexione e vexa o que vemos todos de forma intuitiva, que unha planta desas características non se pode situar a 900 metros de Novo Mesoiro, ou Feáns ou a Urbanización Breogán. Creo que iso o vemos todos e agardo que Beatriz Mato tamén o vexa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine