O rock bravú máis representativo da cidade encherá hoxe a noite en Mardi Gras cos Diplomáticos de Monte Alto. O grupo, que nacía a comezos dos noventa para reivindicar a música en galego e o barrio coruñés no que se creara, unirase ao ciclo de concertos co que a sala festexa este mes o seu 18 aniversario cunha sesión protagonizada polos seus grandes clásicos, entre os que non faltarán as pezas vinculadas á Coruña. Temas de traballos como Arroutada pangalaica, Avante toda! e Capetón soarán ás 22.00 horas na primeira actuación oficial da banda completa no local, coa que o grupo quere conmemorar todo o vivido alí ao longo da súa carreira.

"Queremos devolverlle o cariño á sala cunha xornada de rock bravú coruñento, chamámolo un venres apoteose", conta o vocalista do grupo, Xurxo Souto. Dos preto de 20 artistas que subiron e subirán este novembro ao seu escenario, Os Diplomáticos foron os primeiros aos que chamaron desde a sala, cuxa traxectoria ata a maioría de idade entrelázase coa propia historia do grupo. "Antes era unha bodega, Adegas Villarreal. Alí formamos a peña Urkiola", explica o músico facendo memoria. A presentación no 98 dun libro dedicado a Os Diplomáticos - Non temos medo, de Rodri Suárez- e Xangai Km.0, un proxecto baseado no tren que levaba aos galegos a Barcelona e que o grupo quixo honrar o ano pasado, son outras das lembranzas vinculadas á sala que Souto garda na memoria. Entre elas, e ocupando un oco especial, atópase o antigo entrenador do Deportivo, Arsenio Iglesias, co que o grupo se xuntou fai case tres décadas. "Houbo un momento no que o fútbol viviu a revolución dos humildes e convertiuse nun referente grazas a el, ao que lle dedicamos o noso primeiro disco. Lembro a Arsenio contentiño, recollendo o álbum que lle entregabamos en Adegas Villarreal? Está construída nun eixo magnético da rúa da Torre, é normal que pasen cousas así de extraordinarias", declara, incluíndo no radio de sucesos excepcionais a todo Monte Alto.

Reivindicar o seu valor e a capacidade creativa dos habitantes dun barrio "teoricamente esquecido, pero cargado de vida" foi desde os comezos a intención de Os Diplomáticos, que desde a súa xuntanza polo 20 aniversario da formación, non lograron volver deixar o escenario que abandonaran no 2005. Sobre el, continúan tocando rock bravú, o xénero que naceu con eles, e co que demostraron que o galego tamén servía para a música máis con caña. "Dixéronnos que era imposible triunfar no rock cantando en galego e reivindicando a Monte Alto, pero desde a base pódese inventar o mundo", conclúe.