Episodios da cultura científica

As singulares pinturas de feridos na batalla de Elviña de Charles Bell en 1809

O cirurxián escocés pintou impresionantes imaxes en quince cadros

12.11.2017 | 03:34
´Tétanos consecuencia de feridas de bala´.

A principios de 1809 Portsmouth viviu unha notable conmoción. Esta cidade situada na costa sur de Inglaterra recibiu a uns 5.000 soldados enfermos e feridos. Un numeroso continxente que formara parte do exército expedicionario británico que, integrado por 30.000 soldados e ao mando de John Moore, interveu na Península Ibérica fronte ás tropas de Napoleón e cuxos restos foron repatriados no porto coruñés despois da batalla de Elviña. O elevado número de doentes superaba a capacidade de atención do servizo médico militar, o que obrigou ás autoridades a realizar un chamamento a facultativos civís para que acudiran a Portsmouth.

Un dos que atendeu á convocatoria foi Charles Bell (1774-1842), quen non se limitou a desenvolver un xeneroso labor sanitario. Utilizando os escasos momentos libres de que dispuña aproveitou a súa salientable capacidade artística para realizar un rexistro gráfico dalgúns dos feridos. Seleccionou a quince deles e realizou uns expresivos debuxos que lle serviron de base para elaborar pouco despois unhas pinturas ao óleo sobre lenzo. Unha singular creación na que o encontro entre o tema científico, neste caso a práctica médica, e a arte pictórica contribúen a expresar un momento salientable da historia. Material dun especial valor para coñecer a situación da Cirurxía nos inicios do século XIX, das feridas de guerra nese tempo e do sufrimento derivado dos conflitos bélicos. Asemade, desde a perspectiva coruñesa, as pinturas de Bell son testemuñas case descoñecidas dun sobranceiro evento acontecido nestas terras.

A batalla de Elviña

O exército ás ordes do xeneral John Moore internouse na península na segunda parte do ano 1808 descoñecendo o terreo e sen apoio loxístico; as súas tropas, para aprovisionarse, emprenderon saqueos e actos contra poboación civil. No terreo bélico a operación foi un fracaso e, eventualmente, Moore decidiu salvar o posible do seu continxente armado, polo que se dirixiu cara a Galicia para realizar un embarque que foi cualificado como un Dunkerque anticipado.

A penosa retirada dos británicos, en tempo invernal e perseguidos polas tropas francesas ao mando do mariscal Soult, rematou na Coruña o 11 de xaneiro de 1809. A cidade reforzou a fortificación das murallas e mobilizouse no seu apoio, de feito o Parque de Artillería local forneceu ao exercito de Moore de armamento e munición. O día 14 chegaron 100 barcos de transporte escoltados por doce navíos de guerra da Royal Navy e iniciouse o traslado das tropas aos buques. O 16 de tivo lugar o enfrontamento cos franceses e o embarque rematou á 1 da maña do dia 18.

A batalla de Elviña, tamén chamada da Coruña, foi una curiosa contenda xa que os dous bandos se atribúen a vitoria. Os galos incluíron o nome da cidade entre a lista de vitorias napoleónicas que aparecen no Arco do Trunfo de París e algo similar fixeron os seus contrincantes. Por exemplo, se visitamos o museo do reximento dos Royal Welsh Fusiliers (situado no castelo de Caernarfon, norte de Gales), atoparemos unhas chaves que levan a inscrición, "Postigo de Puerta de Abajo", que sinalan como "The keys of the postern gate of Corunna" (Chaves da porta posterior da Coruña). Na descrición do material promocional podemos ler que esas chaves foron acadadas nunha vitoria sobre os franceses.

O Museo de Cirurxía de Edimburgo

Deixemos atrás a forma na que se conta a historia e vaiamos cara as pinturas de Bell e ao lugar onde hoxe se localizan, Edimburgo. A Royal Mile é a rúa que conecta o presente e pasado desa cidade; nun extremo érguese o Castelo, dominando a paisaxe urbana, do outro o moderno parlamento de Holyrood, aos pes do agreste Arthur's Seat e fronte a Clayton Hill. A ambos lados aparecen edificios de orixe medieval inusualmente altos e outros de estilo neoclásico que explican a denominación con que nun tempo se recoñeceu á capital de Escocia, a "Atenas do Norte". A Royal Mile tamén afasta a parte nova de Edimburgo, que se espalla cara o Norte, da cidade vella, cara o Sur. Nesta última atopamos o Museo Nacional de Escocia, a Universidade de Edimburgo e o Colexio Real de Cirurxiáns (Royal College of Surgeons), que saúda aos peóns cunha fachada con seis maxestosas columnas.

Neste edificio, por unha porta lateral, accédese a un espazo que nos leva á entrada do Museo de Cirurxía (Surgeon's Hall Museum), establecemento que alberga a singular colección de pinturas de Charles Bell, un dos principais patrimonios da institución. O museo divídise en tres espazos. No primeiro salienta a reconstrución dun anfiteatro de cirurxía, mentres a planta superior centrase na evolución do material e a tecnoloxía médica nos últimos dous séculos. Baixando as escaleiras, aparecen dúas salas cunha ampla colección de curiosidades médicas e módulos sobre momentos salientables na historia da medicina. Na esquina dunha delas, ocupando un lugar certamente prominente, están as "Corunna Paintings".

As pinturas de Bell

Nos quince cadros, de reducido tamaño, Bell pintou feridas en diversas partes do corpo: úmero, cranio, coxa, peito, cóbado, testiculos, abdome, escapula, etc. Dos tres que reproducimos, Gunshot wound of the humerus (Ferida de bala no úmero), ten unhas dimensións de 33,8x23,5 centímetros; Gunshot wound of Ankle Joint (Ferida de bala na articulación do nocello), 28,5x33,2 centímetros e Tetanus following gunshot wounds (tétanos consecuencia de feridas de bala), un dos dous máis grande, 69,8 centímetros de altura e 90,3 de ancho. Este último, que polo seu tamaño e contido é o máis rechamante, amosa ao soldado afectado polo tétanos derivado das feridas sufridas. Unha enfermidade debida á toxina producida pola bacteria Clostridium tetani e que pode provocar esa imaxe co soldado sufrindo unha intensa dor, co corpo arqueado por efecto do espasmo dos músculos espinais e abdominais das costas, con flexión dos brazos e extensión das pernas, de aí o nome con que se coñece tamén á pintura, Opisthotonos, por opisto, detrás ou cara atrás, e tono, grao de tensión muscular.

A experiencia de Bell cos feridos da batalla de Elviña serviulle tamén para que publicara un traballo práctico sobre as lesións causadas por disparos, On Gun-shot Wounds, un apéndice do tratado sobre cirurxía operatoria System of Operative Surgery, aparecido en 1814, un ano antes de que, a raíz da batalla de Waterloo, fixera novas pinturas de feridos.

Cadros para formar cirurxiáns

Bell pintou as feridas de guerra cun fin utilitario, para empregalas el mesmo como material docente para o adestramento dos alumnos que acudían en Londres ás súas clases particulares de Cirurxía. Nado en Edimburgo estudara no Royal College of Surgeons local e en 1804 trasladouse para a capital inglesa, onde en 1812 adquiriría a famosa Anatomy School da rúa The Great Windmill e en 1824 sería nomeado catedrático de Anatomía e Cirurxía polo Real Colexio de Cirurxiáns de Inglaterra. En 1836 retornou á súa cidade natal como profesor de Cirurxía da universidade.

Edimburgo xerou unha das escolas médicas máis importantes nos séculos XVIII e XIX, exercendo liderazgo e influencia no conxunto do Reino Unido. E na ampla nómina de salientables especialistas atopamos a saga dos Bell; o pai Benjamin e, seus fillos John e o noso Charles, e mesmo o parente Joseph Bell House, inspirador da figura de Sherlock Holmes. Charles Bell foi unha figura da cirurxía e medicina británicas, de feito, el e o seu irmán John están considerados como os anatomistas máis importantes da súa época. Excelente cirurxián, tamén salientou polas súas pescudas sobre os nervios e cerebro. En 1811 publicou un libro sobre a anatomía dese órgano, Idea of a New Anatomy of the Brain, que foi denominado a "Carta Magna" da Neuroloxía. Nel, entre outras contribucións, diferenciou por vez primeira entre os nervios motores, responsables do movemento voluntario, e sensitivos, que trasladan aos centros nerviosos estímulos externos. Asemade, describiu en 1821 un nervio torácico e a parálise facial provocada pola lesión do sétimo nervio cranial ("parálise de Bell").

Retos e avances en Cirurxía

Os cirurxiáns do tempo de Bell enfrontábanse con enormes dificultades á hora de desenvolver o seu labor. Debían realizar as operacións dun xeito ben rápido, pois carecían de medios para sedar ao doente; asemade, non eran quen de evitar as hemorraxias e a propia intervención xeraba case sempre perigosas infeccións, polo que a taxa de mortalidade entre os operados era moi elevada.

Ao longo do século XIX a Cirurxía avanzaría cara a superación das dificultades anteditas. A hemorraxia foi controlándose, sobre todo grazas á transfusión sanguínea, e no combate fronte a infección xogou un papel decisivo a doutrina microbiana de Pasteur, que estivo na base do labor do cirurxián británico Joseph Lister, impulsor da técnicas antisépticas no quirófano. Por outra banda, a aplicación da anestesia permitiu aos cirurxiáns dispoñer de tempo para traballar con vagar nas súas intervencións e, ademais, evitar o sufrimento do operado. Galicia participou nese proceso modernizador, contabamos co labor pioneiro do Colexio de Cirurxía Santiago, creado en 1799, e xa mediado o século XIX coa actividade innovadora no tema da anestesia dos profesores universitarios Antonio Casares Rodríguez, José González Olivares, Vicente Guarnerio Gómez e Andrés Laorden López.

Avances importantes que se foron trasladando ao terreo da aprendizaxe. Como aconteceu cos cambios que tiveron lugar nos séculos posteriores, polo que o adestramento dos profesionais cambiou substancialmente. Así, por exemplo, a día de hoxe os especialistas da área da Coruña e Ferrol dispoñen do Centro Tecnolóxico de Formación (CTF). Esa instalación, situada nas Xubias, a carón do Hospital Materno-Infantil, ofrece en 1.200 metros cadrados un moderno equipamento. Alí acoden médicos que practican con modelos simulados e realidade virtual ou nunha singular sala polifuncional, cun quirófano no que un titor dirixe a operación realizada con animais e sete mesas de traballo cos médicos que seguen os pasos do docente.

Unha ollada actual

Como vimos, Charles Bell realizou a colección de pinturas para ensinar aos alumnos e difundir entre os colegas, o que facilitaría unha mellor práctica cirúrxica. Mais hoxe, noutro escenario e contexto, nunha sala dun museo publico e probablemente desde outra sensibilidade, esas imaxes trasladan unha mensaxe diferente e suxiren varias preguntas. Provócanos sorpresa e unha sensación na que se mestura a admiración polo seu carácter de material histórico e artístico e a incomodidade fronte o sufrimento dos feridos. O valor histórico e funcional vese, pois, afectado pola conmoción que nos causa un elemento central, a dor dos sacrificados polas guerras. E a súa contemplación deixa no ar amargas preguntas sobre eses seres humanos desvalidos e, en moitos casos, con poucos días de vida por diante, que son presentados dun xeito anónimo, impersoal.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Disfruta del concierto de Cantajuego en el Palacio de la Ópera, el 19 de noviembre a las 12.30. Sorteamos 2 entradas y podrás conocer a los cantantes en un 'meet & greet'.
¡Participa!

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine