As décadas de traballo do investigador Antonio Meijide reciben hoxe un recoñecemento da man do Xosé Cornide, que orquestra no Pazo Municipal a primeira homenaxe do que fora un dos seus membros máis ilustres. A partir das 20.00 horas, catedráticos da Universidade da Coruña, membros do instituto e os propios familiares reuniranse para repasar a contribución á historia de Galicia do ourensán, falecido no 2004, que pasou máis de 40 anos investigando como docente do Eusebio da Guarda.

A membro do Instituto, Ana Romero, será a encargada de abrir o acto. O fará coa palestra Antonio Meijide Pardo (1917-2004). Docencia e investigación ao servizo de Galicia, na que presentará de xeito xeral a súa obra e porá en valor as súas facetas de estudoso e profesor. O catedrático da UDC, Luis Alonso Álvarez, recollerá o testemuño de Romero expoñendo A novedosa aportación de Antonio Meijide aos estudos sobre a emigración galega, unha conferencia que pechará o sobriño do estudoso, Fernando Rubín, co fin de retratar coas súas verbas o seu lado máis persoal.

"Era moi afable. Daba as súas clases, pero o seu era investigar", lembra Romero, que se atopou con Meijide no 77, cando estivo de agregada no Eusebio da Garda. A integrante do Instituto define ao investigador como "unha rata de arquivo" caracterizada polo rigor dun método que "sempre partía de fontes primarias", e cuxo resultado, máis de 130 publicacións, "moitas veces non poden superarse". O seu interese por todo tipo de temas, a diferencia doutros estudosos que rematan por instalarse nun nicho de traballo, era outra das cualidades que posuía o historiador, indica Romero, para a que a labor de Meijide goza dun valor especial. "Eran anos nos que nada estaba informatizado. Por iso ten máis mérito o seu traballo e esforzo. Gastaba os seus días de vacacións e do seu peto para ir aos arquivos. Custáballe cartos investigar!", ri a conferenciante.

Os resultados do seu traballo comezaron co primeiro estudo feito en España sobre a Revolución Soviética, e seguiron con multitude de publicacións sobre emigración e comercio en Galicia durante os séculos XVIII e XIX. Na Coruña, o investigador traballou especialmente a área da industria e a relación con Cataluña coa cidade, na que atopou outro interese especial: o fútbol. "Era un fan total do Deportivo, todos os días que xogaba estaba alí", asegura Romero, convencida de que os historiadores de Galicia lle debían a Meijido esta homenaxe. O acto unirase ás numerosas distincións que acadou ao longo da súa vida, como a Gran Cruz de Alfonso X el Sabio e a Medalla Castelao.