O Colón fai protagonista da programación do mes de decembro ao teatro galego coa representación de obras de cinco compañías na primeira liña da nosa escena. Ademais de Producións Excéntricas, A Panadaría e Fantoches Baj, que inician as propostas do mes, o Colón inclúe a programación de obras de dúas compañías pioneiras, que despiden o ano en que cumpriron o seu 30 aniversario: Chévere e Teatro do Noroeste.

O programa, "unha mostra da vitalidade do teatro galego actual", segundo a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, comezará este venres da man de Producións Excéntricas, que ofrecerá no Colón a primeira versión en galego da obra de Valle-Inclán A Cabeza do Dragón. A fábula tratará temas actuais como a corrupción política e a violencia machista, e estará dirixida por Quico Cadaval, que subirá ás táboas xunto a actores como Iván Marcos, Patricia Vázquez, e Víctor Mosqueira.

Ao día seguinte, 2 de decembro, estará en escena Elisa e Marcela. A coprodución da Panadaría e o Centro Dramático Galego narrará a historia do primeiro matrimonio homosexual do que se ten constancia en todo o Estado, e que casou en 1901 na igrexa de San Xurxo da Coruña. Á obra, unha defensa dos dereitos das parellas lesbianas, estará seguida o venres 8 de decembro por outra reivindicación, á de Fantoches Baj, que renderá homenaxe á figura de Maruja Mallo coa obra Mensaxe do Mar. Nela, e como se dunha conferencia se tratase, a autora describirá no escenario a súa vida desde o seu nacemento ata o ano 1961 coa axuda dos seus amigos poetas, Federico García Lorca e Pablo Neruda, a través dos que se visualizarán as múltiples facetas da artista como pintora, escritora, musa e muller transgresora.

No remate do mes de decembro, a Deputación da Coruña celebrará 30 anos de teatro galego con dúas compañías históricas: Chévere e Teatro do Noroeste. A primeira achegará á cidade o martes 26 a comedia documental Eroski Paraíso, unha obra que explora a memoria colectiva e a transformación social a partir das historias reais sucedidas da sala de festas O Paraíso, convertida agora nun supermercado.

O sábado 30, o Teatro do Noroeste escenificará Estado de Graza, un enfrontamento xeracional no tardo-franquismo, no que se porán de relevancia as distancias ideolóxicas por medio de catro mulleres, que loitan por establecer o seu lugar no mundo.

Xunto a esta última representación do ano, está programada para ese mesmo día 30 a mesa redonda A arte escénica na encrucillada: pasado, presente e futuro do teatro galego. Terá tamén lugar a proxección dunha longametraxe, que pechará unha oferta caracterizada pola mestura de "compañías que están a sorprender cos seus espectáculos con outras" de "traxectoria consolidada". Todas as obras programadas son gratuítas. Só é necesario retirar as entradas na web de Ataquilla ou na billeteira do Teatro.