Hai non tanto tempo, milleiros de hectáreas de charcas, pozas, lagoas e brañas que formaban parte esencial da paisaxe galega foron sistematicamente drenadas e recheadas coa excusa de "sanear" o terreo e gañar superficie para actividades agrícolas e industriais. Perviviron milagrosamente algunhas destas zonas húmidas, que actualmente son reducido testemuño dun pasado glorioso cheo de vida acuática: Doniños, Traba, A Bodeira, Ollo do Rei, Fonmiñá... E así ata 1.131 zonas húmidas catalogadas en Galicia polo Ibader, moitas delas en acuciante perigo de desaparición. Para que non se siga perdendo este patrimonio noso, o pasado día 2 de febreiro celebramos o Día Mundial das Zonas Húmidas, conmemorando a sinatura do Convenio de Ramsar tal día hai 47 anos. Ponse de relevancia o importante destes lugares, reservorios de auga e alimento, depuradoras naturais de contaminantes, eficientes fixadores de dióxido de carbono atmosférico, pasto de gando e lugar de lecer humano desde tempos pretéritos. E, claro está, fogar de fermosas plantas acuáticas, anfibios, libeliñas, aves acuáticas e peixes, entre outras criaturas. Non hai motivo para considerar as zonas húmidas como insalubres nin inútiles, senón todo o contrario, e ese é un dos obxectivos deste Día Mundial, ademais de desenvolver iniciativas encamiñadas á súa efectiva conservación. Temos exemplos moi próximos, como o da canteira do Catorce, en Coirós, custodiada pola Fundación Fragas do Mandeo. Ou a mellora do litoral do concello de Miño, na que van da man a cámara municipal e o Grupo Naturalista Hábitat. Ou a creación de charcas por parte do concello do Grove na zona da Laxe de Rons da Sociedade Galega de Historia Natural na comarca da Limia. Nós, aparte de colaborar con estas e outras iniciativas, podemos dar un pasiño máis aló: crear unha zona húmida. Non ten que ser moi grande, nin moi complexa: un foxo pouco profundo con ribeiras suaves escavado nun punto baixo da nosa finca ou na de algún familiar ou amigo. Un plástico groso e duro -especial para charcas- tapizando este foxo, algo de terra de grava nos bordos e a agardar que se encha de auga. As chinches de auga e algunha libeliña aparecerán ao pouco tempo, e, co paso dos anos, non só teremos unha zona húmida fenomenal creada por nós, senón que contribuiremos a revertir unha tendencia histórica á destrución deste patrimonio húmido, aportando máis valor natural ao territorio. Non vexo mellor maneira de celebrar este Día Mundial das Zonas Húmidas.