O CIFP Ánxel Casal da Coruña é un dos cinco centros educativos seleccionados para participar na cuarta edición de Miniempresas Coruña, un programa coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Ademais deste centro traballan nesta iniciativa que busca fomentar a creación de empresas o IES Universidade Laboral de Culleredo, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, o CIFP Paseo das Pontes e o CIFP Someso, este último con dúas miniempresas.

O centro participa por segunda vez no proxecto Miniempresas Coruña. O ano pasado fíxoo o alumnado do ciclo superior de Audioloxía Protésica coa súa empresa de audífonos personalizados Ouvisán. Este curso son os estudantes do 2º curso do ciclo superior de Animación Sociocultural e Turística os que traballan en Senlleiras Animación S. Coop., que consiste no deseño e a posta en marcha dunha sociedade cooperativa que, a través dunha aplicación web accesible oferta unha ampla gama de servizos socioeducativos, recreativos e promocionais.

Ruth Barreiro, profesora de Animación Turística e unha das coordinadoras docentes de Senlleiras Animació n explica que a idea xurdiu da necesidade de dar a coñecer "unha profesión tan necesaria como pouco coñecida" como é a de Animación Sociocultural e Turística e todos os servizos que pode presentar.

Coa premisa de que se unha empresa non está en internet non existe, Senlleiras Animación é un buscador de experiencias que concentra, nunha soa web, proxectos e actividades de animación sociocultural, educativa, turística, de lecer e tempo libre. Todo o alcance dun click. Serve de punto de encontro entre profesionais da animación, particulares e entidades, conectando a oferta coa demanda de servizos de calidade, e "desde un plantexamento en prol da sustentabilidade e da accesibilidade universal". A aplicación presentarase en galego e lingua de signos con opción de tradución ao castelán e ao inglés.

A miniempresa busca ser referente na procura de servizos de animación, a través dun portal onde todos os animadores podan intercambiar ideas e facilitar o axuste perfecto coas necesidades de cada cliente. Trátase de fomentar o cooperativismo entre profesionais do sector, incrementando o valor e a diversificación da oferta.

O profesorado que supervisa o proxecto seleccionou a dúas estudantes para coordinar o resto de participantes. Barreiro explica que se elaborou un plan de traballo, cunha asignación voluntaria, procurando que sexa equitativa para estimular a implicación de todo o equipo. Unha vez á semana faise unha reunión de seguimento para comentar os avances. Os participantes xa deseñaron vídeos promocionais sobre experiencias para desfrutar Galicia en 48 horas coa opción de incorporalos ao proxecto enlazándoos con experiencias transversais.

Para comprobar a demanda deste produto, a iniciativa fundamentase en estudos publicados en Galicia relacionados co desenvolvemento turístico desde un enfoque sustentable. A coordinadora comenta que este grupo de futuros traballadores da Animación considera esta iniciativa como unha oportunidade moi enriquecedora para a súa formación e para mellorar as súas perspectivas laborais.