Pero, era Farruco de Montrove unha superestrela na súa época ou non tiña tanta sona como agora se lle lembra? "O de Farruco de Montrove foi o nome que perdurou no tempo, pero na época era moi valorado na Coruña outro gaiteiro, que era O tío Pepe da Varredura, formaba parte do servizo de limpeza, morreu no ano 1920 xa moi maior, e coñecérono tres ou catro xeracións de coruñeses", lembra Moncho do Orzán.

No libro, o autor recolle un texto publicado co gallo do pasamento de José Regueira. " El modesto artista perteneció muchos años a la cuadrilla municipal de limpieza y, jubilado como dependiente del Ayuntamiento, siguió actuando de gaitero hasta que la enfermedad no le dejó abandonar el lecho, Aún el día de Corpus salió para cumplir con la copla popular: Día de Corpus, miña comadre, ándall'o touporoutou pola calle".

Logo de Farruco de Montrove, a seguinte xeración, participa dos coros e, coa súa presenza, enriquecen o repertorio das formacións e os gaiteiros tamén aprendían novas pezas. "Foi unha simbiose", resume, porque, para entón, ao gaiteiro escoitábaselle sempre, aínda que diferenciaban o repertorio clásico de gaita cos temas incorporados.

O pai dos Tempranos afinaba acordeóns e eles tiñan unha conciencia moi clara de que tocaban outros ritmos, como un tango ou unha rumba e esas pezas, segundo explica Moncho do Orzán, tocábanas doutro xeito.

Enrique Ambite era batería nunha orquestra, pero cando tocaba como gaiteiro, facíao respectando as formas e o repertorio da Coruña. "Eran quen de diferenciar os dous mundos", comenta.

As primeiras escolas de gaita da cidade estaban unidas a persoas concretas, por exemplo, nas escolas Labaca ensinaba un irmán de Adolfo Anta Seoane, que era cura. Algúns aprenderon alí, como Farruco Paradela -que non estaba inscrito, pero participaba das actividdes- ou Emilio Corral.

"Henrique Ambite aprendeu cun pito de lata que lle mercou o seu pai en Rubine, aos Temprano, cando formaron o cuarteto, o bombo fíxollo o Román de Elviña, para as gaitas viñeron á Coruña, porque entón había dous artesáns, O Tintoreiro do Orzán e Ambrosio Calza, que traballaba na Fábrica de Gas. Actualmente, non hai ningún", explica. Co Tintoreiro aprenderon varios gaiteiros, non só o repertorio e a maneira de tocar da cidade, senón tamén como atender o instrumento, facendo palletas e cousas así.