A decimoquinta edición dos premios María Casares de teatro estará amenizada por unha colección de persoaxes circenses e monstros, que conducirán unha gala que terá lugar o vindeiro 23 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. "Inspirámonos nas feiras e circos que percorrían o mundo mostrando artistas e monstros da natureza na mesma carpa", explicou onte o codirector do espectáculo, Carlos Sante, que comentou que o fío condutor da gala é a historia do circo do Doutor Crisé, que "se entera de que hai unha gala e reúne aos seus mellores artistas, pero os seus mellores artistas son os que son: persoaxes freaks, medio deformes...".

A gala parte dunha idea proposta por Willy Éter e o propio Carlos Sante, membros da compañía coruñesa Manicómicos, que foi escollida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que dirixe Antonio Durán Morris. O actor galego lembrou que o acto de entrega dos galardóns será tamén amenizado por músicos de primeira liña e, a este respecto, Carlos Sante asegurou que no evento "a música apoiará os cambios de ritmo". O deseño da escenografía corre a conta de Suso Montero, que decidiu facer uso do vermello, o branco e o negro para ilustrar un espectáculo cercano ás películas de Tim Burton e con referencias a filmes como A parada dos monstros de Tod Browning.

A gran festa do teatro galego, onde a favorita é a obra Un cranio furado, estará presentada polos actores Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandariz.