Momentos duros, de posta a proba. Véspera, na que, pese ó gris da crise imperante, en todas as casas de por aquí fanse preparativos para a festa maior do galegos, o día do Apóstolo, da Patria Galega. Pra xornada do 25 de xullo do 2013, alborada na que sempre alumiña algunha esperanza da "Alba de Gloria" que dicía Castelao ? Tardiña con luscofusco no que ó lonxe e por algures se escoita a música dunha orquestra ou o estoupido das bombas de palenque que anuncian romaría de Santiago. Cando a catedral compostelá se reviste de galas para a misa maior de ofrendas rexias e botafumeiros, cando os líderes políticos ultiman os seus discursos. Cando os tratantes das festas e das romarías, tan nosas, cos seus telderetes de polbo, de rosquillas, dos produtos da terra e da tradición, prepáranse para facer o seu agosto? - velaí o acontecer que manda, a noticia que trastorna todo neste día maior. Fendeuse o noso mundo, mudáronse as axendas, esquecéronse os presupostos, os preparativos tradicionais e ponse en marcha a auténtica solidariedade. É nestas situacións límite, de vida e morte de tantos seres que viñan camiño duns días de lecer, en busca dos amigos, da familia, da paisaxe, da cultura? cando se pon a proba a madurez dun pobo. Reapareceron de súpeto virtudes traballadas na cultura, como a solidariedade, a paciencia en esperas nunha noite máis que longa, tensa, agardando noticias, listados, nomes propios queridos. Resultados dun pobo afeito ós camiños, ó loito, ó duelo polas perdas, polo irreversible, a remoer sobre as posibilidades que non foron, sobre as dúbidas, as causas, sabedor de que as obras humanas teñen erros humanos. Pobo que sabe deixar detrás e tamén abrirse pacientemente a esperanzas que endexamais se perden. Namentres o tempo todo repara para reconciliarnos coa vida e a seguir, golpe a golpe. País feito de memoria, de humanismo. Velaí a proba: en cuestións así é cando recobramos o espírito santo da solidariedade, cando poñemos en marcha mecanismos de defensa colectivos que nos axudan a compartir e nos defenden de máis danos. Por ser xente andada estamos algo máis curtidos. Somos a nosa Historia, con cicatrices de aventuras e de desventuras. Nesas faise un humanista e, como principio, temos ben aprendido que calquera ser humano val máis que calquera bandeira, que calquera símbolo, alicerce da ética sobre o que construír o demais. - velaí a bonhomía e a xenerosidade campante: os primeiros en dar a alarma os anónimos veciños de Angrois, esa aldeiña de hortas, rueiros e emparrados que abre a Compostela, con castro e lendas do Libredón, mirando ó Pico Sacro e a viadutos, entre o rural e o urbano, con paisanos de casa nova e vella, pasados pola emigración e que pola mesma fresca aproveitaban para regar, recoller o gando ou na conversa? quefacer interrompido polo estoupido e o tremor, o lume, o fume e os berros? o descarrilamento dun tren de última tecnoloxía, a 180 kms por hora? Segue a incerteza do qué facer e velaí o espirito santo do humanismo, da solidariedade e dos sentimentos. O pensamento de que puideramos ser nós as vítimas. Así que primeiro os nosos semellantes. - dérono todo entre salaios sostidos, e máis que puideran: ofreceron as casas, sacaron mantas, consolaron? Galiza púxose en pé: persoal sanitario, psicólogos, bombeiros, servizos do 112, mesmo os hosteleiros? que preparaban a súa xornada de lecer retornaron ó traballo para ofrecerse e servir. Mesmo a xente moza deixou botellón, escoitou, cumpriu normas e fixo cola ante as unidades de doazón de sangue que se saturaron, metidos no circuíto da catástrofe: dende Angrois ó edificio Cersia de S. Lázaro para informar e atención psicolóxica, seguindo á morgue improvisada no multiusos do Sar. Novas circunstancias das que aprender no tren da vida.

Polos medios escoitamos a noticia, enxergamos o comportamento exemplar, emocionante dos veciños. Mesmo un vagón insolitamente voou e foi parar a un campo da festa baleiro naquela hora. Cavilamos que puido golpearnos por algures esa mesma circunstancia. Hoxe, a outros tocoulles peor sorte e dalgún xeito con iles queremos estar. Pois saber priorizar é saber servir nas circunstancias concretas, fundamental na arte das relacións que non é outra cousa que a política. A través dos medios, que tanto valor recobran nestas circunstancias, reconciliámonos con todos nun xeito de novo principio: puxéronse a proba os avances nas novas tecnoloxías, a forza das redes sociais, a profesionalidade de moitos máis, sabendo o que dicir e o que calar. Vimos tristes, de verdade, ós líderes dos partidos, e coido que estiveron á altura de tan difíciles circunstancias, cando tanto se xoga e debe medirse para a imaxe dun país. Novamente Galiza queda referenciada no mapamundi por unha desgraza inmensa. As causas do drama, que parece ser comezan pola velocidade excesiva, terán que determinarse e corrixirse. Pero primeiro a atención ós seres humanos sorprendidos nunha tardiña de esperanzas frustradas. Súmanse tamén no panorama económico os medos á incidencia nos mercados, nos concursos en curso para a construción de ferrocarrís noutros países... Namentres sigue a rutina doutros días de loito, de cerimonias, de incenso e bandeira a media asta... de comisións de investigacións nas causas: que si a falta de sistemas de seguridade que puideran avisar ou desacelerar.... - o máis difícil, reanimar a unha familia rota e coa lembranza dunha partida, dunha despedida derradeira, dunha espera frustrada. Un tren de última tecnoloxía roto, entre Compostela e o Pico Sagro.

Na mañanciña deste xoves, entre as tristes noticias, un anuncio da Xunta de Galiza por mor da celebración do 25 de xullo: mostra escenas cotiáns de estudantes, de mariñeiros, labregos, artesáns, oficinistas no seu traballo? soa o Himno de Galiza, detéñense, ollan ó infinito e érguense respectuosamente, namentres unha cartela di "para levar Galiza na cabeza, hai que levala no corazón". Poucas veces me sentín máis galego no real e no virtual. Sobran as palabras e nada mellor que o silencio.