Un señor que se chama José H., que é a versión local do Josef K protagonista das obras máis kafkianas de Kakfa, O proceso e O castelo. Como o personaxe do escritor checo, José H. foi obxecto dunha acusación absurda, por moito que neste caso a el si lle explicasen cal era: levar unha bufanda da mítica peña do equipo do que era socio, o Celta. Non é que se equivocase e aparecese coa camiseta de Gerard Piqué na bancada dos Ultrasur no Bernabéu. José H. levaba a prenda celtista en Balaídos, e por riba na grada de Río, pero poñía Celtarras (o nome da peña mítica, por se vostede, ademais de ser impermeable ao fútbol, tanto lle ten a cultura popular de finais do XX). Así que alguén da seguridade do club considerou que aquilo era enaltecemento do terrorismo e pediulle que a quitara. Abramos un inciso: José H. non é un rapaz que acaba de mercar a bufanda nun chiringo. Xa cumpriu os 50 anos e leva 35 de socio. Así que calquera que teña idea de fútbol (ou de cultura popular de calquera época) sabe que se leva a bufanda non é para abrigarse.

Obviamente, non a quitou, e como debe ser un cidadán consciente dos seus dereitos, dixo que viñera a policía a dicirlle que a quitara. Debería dicir que era un cidadán consciente dos dereitos que tiña antes de que a Rajoy lle dera por asegurar a seguridade cidadá. Ou dos dereitos que debería ter un cidadán, non dos que non ten agora. Porque a policía veu e quitoulla. Suponse que o do enaltecemento ven polo sufixo -arra, que comparten "celtarra" e "etarra". De entrada, o de "etarra" máis ben é un invento non demasiado vasco porque -arra significa procedencia ("irundarra", "donostiarra") e non pertenza. E aínda que o fose, cos celtarras tamén habería que trincar aos motarras. Ou os que din que viven nun piso tan pequeno que parece un zulo.

Josef K era un símbolo.José H. tampouco é un caso illado. Nos estadios prohiben levar a bandeira galega coa estrela, que representa a unha corrente ideolóxica á que se adscriben varios partidos legais e que gobernan institucións importantes. Mesmo teñen quitado bufandas deportivistas porque levan caveiras (como o escudo da cidade). Os estamentos do fútbol sempre foron escasamente tanxentes coa democracia, entre o pasado franquista e o presente de dirixentes especuladores. Agora, cun presidente de Liga Profesional de Fútbol, JavierTebas, que foi militante da organización fascista FuerzaNueva e non parece ter cambiado demasiado, deron conseguido ser plenamente secantes coa censura e á vez co ridículo. Non se sabe, ou non se pregunta, se eses Jack Ryan que detectan terroristas nas bancadas agachados tras das súas bufandasactúan por libre seguindo o seu fino instinto, é dicir, teñen licencia para desbufandar, ou obedecen ordes concretas. No primeiro caso, hai outros campos onde poden exercer o seu labor. En calquera dos dous, hai que esixir explicacións a quen é responsable diso. Creo recordar que non moi lonxe de Vigo, un alcalde daquela moi poderoso quedou inhabilitado hai anos por un delito contra a liberdade de expresión por retirar uns folletos dun posto nunha instalación municipal. Porque primeiro piden que quites a bufanda e logo...