Alfonso Guerra (pregunten os maiores ou búsqueno en Google) recomendara a cargos e militantes do PSOE pasar o veraneo "con el botijo y pañuelo cuatro nudos", logo dunha polémica porque Felipe González usara o Azor, o iate de Franco, nunhas vacacións. Non debía ser unha orde literal, porque aquel verán non se viron máis panos na cabeza que os das paisanas que facían labores no campo. O caso é que agora as necesidades do veraneo son moitas máis que naqueles remotos tempos dos gobernos felipistas. Mesmo a praia xa non é aquel recinto de liberdade onde só tiñas que ir provisto de traxe de baño e toalla, como moito. Despois do parasol, as tumbonas, o MP3 ou ebook, a bolsa das distintas e imprescindibles cremas, agora requírese todo un abismo de armario, segundo acabo de saber por un deses amables correos electrónicos que me envía xente que descoñezo.

Por exemplo, para evitar queimar os pes cando andas pola area torrada, mellor que as sandalias de toda son uns "adhesivos hipoalergénicos que se colocan sobre la planta de nuestros pies y evitan que nos quememos, nos protegen de los gérmenes del suelo y además son resistentes al agua". Con todas esas prestacións, e se non dan a sensación de ter pisado un chicle enorme, non sei por que soamente serven para a praia. Tamén outros benfeitores creativos, cavilando nunha tela para usos militares (non especificados) inventaron a toalla que repele a area, e evitar así a sensación de que te secas con papel de lixa se a usas despois de eslombarte nela. O ideal sería que seguiran experimentando con material militar para que a infancia te encha de area cando anda cerca, ou que a toalla repela tamén rapaces, pero de momento é un avance. Tamén me suxiren algo por se son moi fan de Snapchat. Non o son (de feito tiven que mirar en Google que era: unha aplicación de móbil coa que podes mandar fotos ou vídeos que se borran en menos de 10 segundos. Como uns whatsApp de tirar a pedra e esconder a man), pero nunca se sabe se o acabarás sendo. Así que o trebello que che facilita o snapchateo son unhas gafas de sol con vídeo cámara integrada, pensadas para "grabar mini vídeos de tu día de playa y después sincronizarlos con tu Snapchat memories". Teñen ademais un deseño "totalmente en línea con las últimas tendencias", cousa moi de agradecer, porque unha cousa é ser fan de Snapchat e outra andar pola praia cuns lentes como os de Aristóteles Onassis ou da Pantoja.

Tamén, dentro da gama da cacharrada, están o que me ofrecen como "el must de todo capazo de verano: los altavoces bluetooth resistentes al agua. Colócalos a tu lado, cierra los ojos y disfruta del momento?". Penso que sería máis útil se fosen resistentes á area (aínda que sempre os podes envolver na toalla esa que a repele), ou mellor resistentes aos veciños que se poden alporizar porque esteas a todo meter ao seu lado, mais non se pode ter todo. Pero o mellor de todo son as toallas refrescantes, que permanecen frías ata catro horas. Chega con metelas na auga, estea á temperatura que estea, e xa está. Non especifican se hai modelos combi, que repelen area e arrefrían á vez.

De todas formas, sendo uns inventos realmente enxeñosos, non deixo de preguntarme se non é moito máis eficaz, e sobre de todo máis barato, non ir á praia en vez de gastar cartos en paliar os seus efectos.