A Real Academia Galega (RAG) celebrou onte un acto musical e literario en homenaxe a Rosalía de Castro nas vésperas do 180 aniversario do seu nacemento. Versos de Cantares gallegos e Follas novas, xunto a outros dedicados á poeta fundacional das letras galegas contemporáneas, encheron o salón de actos da sede da institución a través da música de Roi Casal e das voces dos membros da RAG Marilar Aleixandre, Salvador García-Bodaño e Luz Pozo, e das tamén poetas Rosalía Fernández Rial e Ánxeles Penas.

Tras a presentación do acto a cargo da nova académica de número Marilar Aleixandre, Roi Casal interpretou, Ninfa das frescas augas, a súa lectura musical do poema XXVI de Cantares gallegos. O artista, acompañado da cantante Silvia Ferré, poralles tamén música aos poemas II e X desta obra, na peza que titula Rosa, e Tecín soia a miña tea, de Follas novas; ademais de interpretar outras dúas composicións. Unha delas A fortuna de poder amar, con letra e música propias, poralle o ramo ao acto.

Os académicos Marilar Aleixandre, Salvador García-Bodaño e Luz Pozo achegaron tamén creacións propias en homenaxe a Rosalía. A primeira leu, ademais de versos de Follas Novas!, o seu poema Arrenego das pombas; Salvador García-Bodaño declamou Alas de ausencia te abranguen, Nesta chaira da noite pecha de Bastavales e ?pois que vés como a choiva e maina anegas; e Luz Pozo agasallou ao público con outro poema de seu inspirado en Rosalía de Castro.

Ánxeles Penas deulle voz aos poemas rosalianos Adiós e Ladraban contra min que camiñaba, e mais a outro propio titulado Do mar pola orela mireina pasa, que toma o seu nome dun dos versos da poesía que lle dedicou Curros Enríquez á escritora tras o seu pasamento. Pola súa banda, Rosalía Fernández Rial leu Daquelas que cantan, Tal coma as nubes e un fragmento de Ti a feiticeira.

7

Versos de Rosalía de Castro enchen a RAG

COLECCIÓN DE RETRATOS NA REDE

A homenaxe de onte non é a única iniciativa da Academia arredor do aniversario da escritora fundacional das nosas letras contemporáneas, nada o 24 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela. O Arquivo da institución puxo a disposición do público a comezos deste mes a súa colección de imaxes da autora, a máis completa das existentes.

A maioría dos documentos incorporados son fotografías de Rosalía de Castro en distintos momentos da súa vida, entre elas a realizada polo estudio coruñés de Sellier convertida nunha das súas imaxes máis coñecidas, na que aparece cun chapeu de plumas. O mesmo retrato, feito nos primeiros anos da década de 1880, pode verse nunha copia en forma de óvalo e noutra reprodución sobre o debuxo dunha tea.

Rosalía sendo aínda unha moza, no ano 1855, fotografada por Mr. Encausse et Cie -con estudio na rúa do Vilar de Santiago de Compostela-, un retrato realizado entre 1865 e 1875 ou a fotografía na que a escritora posa coa familia no exterior Casa da Matanza en xullo de 1884 son tamén parte das imaxes que incrementan os documentos da RAG dixitalizados dispoñibles a través de Galiciana.

A fotografía do retrato pintado por Ricardo Camino e unha tarxeta publicitaria de Ceregumil con debuxo e biografía de Rosalía datada entre 1910 e 1920 completan a relación de documentos.