A RAG lembra a Picadillo, supervendas galego da cociña, no seu 150 cabodano

Sobe a Galiciana, co gallo do Día do Libro, a copia dixital do mecanoscrito de ‘El rancho de la tropa’

Picadillo, nun carro de vacas, no pazo familiar de Anzobre.  | // ARQUIVO RAG

Picadillo, nun carro de vacas, no pazo familiar de Anzobre. | // ARQUIVO RAG / Redacción

O 23 de abril en 1874 era bautizado na igrexa compostelá de San Fiz de Solovio Manuel Puga y Parga, alcumado Picadillo, un dos grandes gastrónomos e divulgadores da cociña galega. Cadrando co Día do Libro e o 150 aniversario do seu nacemento, o Arquivo da Real Academia Galega (RAG) publica na biblioteca dixital Galiciana, en copia dixital, o mecanoscrito dun dos seus libros, El rancho de la tropa, saído do prelo en 1909.

Cuberta de ‘Pote aldeano’, de Picadillo.  | // BIBLIOTECA DA  REAL ACADEMIA GALEGA (RAG)

Cuberta de ‘Pote aldeano’, de Picadillo. | // BIBLIOTECA DA REAL ACADEMIA GALEGA (RAG) / Redacción

O volume, que contén unha serie de receitas para un menú destinado ao sustento da milicia, é un bo exemplo do inconfundible estilo do autor, accesible, irónico e vitalista. O seu xeito de escribir gañoulle unha notable popularidade, acrecentada tamén pola súa actitude transixente como alcalde da Coruña durante a folga revolucionaria de agosto de 1917. Morreu na mesma cidade un ano despois, aos 44 anos de idade, por mor da pandemia de gripe de 1918.

Manuel Puga y Parga naceu no seo dunha familia acomodada. O seu pai, Luciano María Puga Blanco, avogado de Curros Enríquez no axuizamento pola publicación de Aires da miña terra, era tamén catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, cidade da que tamén foi rexedor. Licenciouse en Dereito e traballou na Dirección Xeral de Rexistros e Notariado durante o goberno de Cánovas del Castillo, posto ao que renunciou tras a morte do político conservador nun atentado. De volta en Galicia exerceu como xuíz municipal en Arteixo e comezou a publicar artigos sobre temas costumistas e gastronómicos nos xornais coruñeses.

No seu libro Pote aldeano —que a Academia Galega posúe como parte da Biblioteca Emilia Pardo Bazán— Picadillo executa unha verdadeira novela de costumes de gran valor etnográfico.

La cocina práctica (1913), o seu libro máis coñecido, recolle os artigos que fora publicando nas páxinas de El Noroeste e El Orzán. O volume, que gozou dun éxito inmediato e foi reimpreso en numerosas ocasións, conta cun limiar de Emilia Pardo Bazán. A autora describe a escola culinaria de Picadillo do seguinte xeito: “La cocina de Picadillo es clásica, tradicional; no á la antigua española, á la marinedina añeja; platos del tiempo de mi niñez, familiares; sabores amigos”.