O fotógrafo Walter Astrada resultou gañador do premio de fotorreportaxe de Revela 08 que se celebrou durante as últimas tres semanas na localidade coruñesa de Oleiros. Astrada foi premiado cunha bolsa de 12.000 euros polo seu traballo 'A violación como arma de guerra no leste do Congo'.

Ademais o segundo e terceiro finalista, Arturo Ramón e Alfons Rodríguez, foron obsequiados cun diploma e unha figura, mentres que os alumnos dos institutos Miraflores, Neira Vilas e María Casares, gañadores do concurso fotográfico 'Revela na escola' recibiron como premio unha viaxe a Asturias.

O acto de clausura contou coa presenza do alcalde de Oleiros, Angel García Seoane; e unha representación dos patrocinadores e colaboradores da mostra, entre os que se atopaban a Fundación Caixa Galicia, a Fundación Paideia, Viaxes El Corte Inglés, e Gadisa.

O comisario da exposición, Guillermo González, cualificou Revela 08 como "a edición que contou cun maior número de imaxes", ante o que mostrou a súa satisfacción "polo resultado final confiando en que o numeroso público que as viu gozase". Ademais dedicou unhas palabras de agradecemento a "todas aquelas persoas que dalgún xeito colaboraron no proxecto e dedicaron moitas horas de traballo para poder facelo posible".

Revela 08 contou con máis de 280 persoas nos seus talleres, o que supón unha media de corenta asistentes por cada un. Ademais ás tres conferencias acudiron unha media de 120 persoas, o que supón un total de 360 participantes.