No marco da cuarta acción da plataforma `A Cidade dos Barrios´, que promove o Colexio Oficial de Arquitectos, celebrarase mañá unha reunión cos veciños da zona de Feáns e Mesoiro para debatir sobre a iniciativa de crear hortas urbanas no Val de Feáns.

Falarase cos veciños sobre o interese existente na recuperación de antigas hortas e terreos na actualidade abandonados para poñelos de novo en uso e contribuír así á súa axeitada conservación e mantemento. Proporanse mecanismos de xestión para que propietarios de terras na actualidade sen uso as podan ceder ou alugar a persoas de calquera zona da cidade, que carecen de terreos, e estean interesadas en as traballar como hortas e cultivos. Deste xeito preténdense explorar alternativas de futuro para as áreas rurais de A Coruña.

Durante a fin de semana do venres 27 ó sábado 28 de Novembro festexarase o inicio dos traballos de recuperación dalgúns dos terreos mediante a celebración dunha merenda comunitaria.

Para o xoves día 26 de Novembro ás 19:30 está convocada unha nova reunión no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos 1), na que se presentará esta iniciativa, Hortas na cidade dos barrios (http://hortasnacidade.wordpress.com/), a tódalas persoas da cidade interesadas en participar na mesma.

Esta actividade, coordinada polo colectivo de arquitectos "desescribir", é o cuarto obradoiro dentro da iniciativa "A Cidade dos Barrios", que está impulsada pola Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e dirixe o estudio de arquitectura MMASA.