É tradición mais é futuro, é todo o que o tempo poida darlle. A música galega reinvéntase e, con ela, os compases herdados do pasado, aquelas melodías que algún día sonaron e que volven respirar o aire que deixaron atrás, pero noutros corpos, noutros foles e, en ocasións, en instrumentos alleos, chegados de alén do mar.

A undécima gala dos premios folk de LA OPINIÓN, que se celebrou onte, no teatro Rosalía de Castro, honrou o pasado, co galardón a unha carreira senlleira ao grupo Fuxan os Ventos, pero tamén ao futuro, coa distinción a Assembly Point pola súa canción Jumping Bits. Uxía recibiu a de mellor artista, e a formación Doa, a de mellor traballo discográfico por A fonda dos cervos.

Houbo muiñeiras, houbo lembranzas para os que xa non están, como o gaiteiro Moxenas ou coma Manuel María que, como dixo Xoán Piñon, de Doa, ao recoller o premio de mellor disco, "estará escoitando, alá onde estea" e houbo tamén un lugar para a loita, para a reivindicación, para a lembranza e para os temas que, cando Fuxan os Ventos comezou a cantar eran actualidade e tamén o son agora. "Falo do idioma e do trato que está a sufrir ultimamente", explicou Antón Castro, de Fuxan, onte, cando agradeceu que o xurado dos premios LA OPINIÓN lle concedese unha distinción por máis de 40 anos de andaina, de escenario en escenario, de Galicia e de Europa, dun lugar a outro, co activismo por bandeira.

Pasado e futuro, unha porta que se pecha e deixa a música tradicional tal e como foi recollida, intacta, inmutábel, e outra que se abre, que deixa que todo o aprendido dos devanceiros se mesture co adquirido, con outras linguas, con outros instrumentos, con outras formas de sentir e de transmitir.

As actuacións musicais que precederon á entrega dos premios foron máis neste camiño, no da fusión e da goma de borrar, esa, a que esvae fronteiras e atopa o equilibrio en forma de melodía bailábel, de ilusión que une mundos distintos.

A conxunción da arpa de Rodrigo Romaní coa gaita de Susana Seivane; a unión da guitarra e da voz afeita a cantar en inglés de Lucía Rolle -exvocalista de Sevigny- e o acordeón de Xosé Lois Romero; e a voz do cantautor Fran Pérez, Narf, que rescatou uns fragmentos da obra de Castelao, Sempre en Galiza, foron os protagonistas das actuacións previas á entrega dos premios que, por primeira vez, foron revelados no transcurso da gala. Todos, agás o de Fuxan os Ventos, o da Andaina Senlleira, que xa fora publicado con antelación.

"A música é un ben do noso país e nós temos o deber e a honra de espallala por todo o mundo", dixo Xoán Piñón, de Doa, que onte impúxose aos discos de Assembly Point, de Talabarte e de Vaamonde, Lamas e Romero.

O director xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o xefe territorial da Consellería de Educación e Cultura, Indalecio Cabana, a concelleira de Cultura, Ana Fernández, o edil de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, a vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, así como membros da oposición ao Goberno local, o xerente de LA OPINIÓN, Luis Gómez, e a directora, Carmen Merelas, e Ana Lago, en representación de Gadisa, participaron nesta gala na que o xornal honra a todos os galegos que fan música de raíz, que pescudan na evolución das melodías e compoñen futuro.

Os encargados de pechar a gala desta edición foron os membros da formación Moxenas Musical Galego, que tocaron unha versión de San Benito e tamén a composición A saída da Coronilla. Son músicos de entre once e 23 anos, interpretan repertorio tradicional, aínda que deixan paso a instrumentos como o teclado, o violín e a percusión africana para darlle un aire diferente ás partituras que esconden os cancioneiros populares. "Son máis de 25 anos cantando, 25 anos no oficio máis fermoso do mundo, e cantando na miña lingua", dixo Uxía, ao subir ao escenario e agradecer o seu premio a mellor artista, un galardón ao que estaban nominados tamén Óscar Fernández, Xoán Piñón e Begoña Riobó. "Outros 25 anos estarei enriba dos escenarios e espero cantar en cada recuncho deste país", dixo onte a vocalista de Mos.

O xornalista Alfonso Hermida, o encargado de conducir a gala, foi introducindo textos de autores que foron homenaxeados en anteriores edicións das Letras Galegas e así, entre versos de Rosalía, a muiñeira de Alén, a polca na fonte da Falperra, as letras de Xosé Manuel Pintos rematou o acto, cos acordes do Himno do Antergo Reino de Galiza.