-Que é o mellor que fixo o PP, e o peor?

-Temos que comparar como estabamos hai un ano e como estamos agora. No BNG coidamos que estamos peor por causa da aplicación da famosa austeridade do PP, que provoca asfixia social, que non supón riqueza nin benestar social nin emprego. Estamos peor porque as políticas neoliberais do PP están a darnos mala vida ás maiorías sociais. E pola contra, moi boa vida aos construtores, aos bancos, á Compañía de Tranvías... isto é, moi boa vida ás minorías sociais.

-Outro ano máis con touradas. Que mudou o PP con respecto ao anterior goberno neste eido?

-Sobre a base de que o PP é realmente un continuista das políticas do señor Paco Vázquez, aquí tampouco hai diferenzas. O Goberno municipal do PP votou en contra de diferentes iniciativas que levou o BNG ao pleno en relación coas touradas. Máis do mesmo: asumindo costes indirectos das touradas por conta da cidadanía. E todo isto, en plena crise e con recortes sociais.

-Por que atacan aos touros?

-O BNG non está en contra dos touros. Todo o contrario, está a favor deles, e por iso non quere que os torturen baixo a escusa de que é unha festa ou de que é cultura.

-En que vai quedar o do edificio Fenosa?

-Vai quedar no que xa teñen dito os tribunais. Hai resolucións moi claras e contundentes ao respecto, nas que se indica con claridade quen son os responsábeis, sinaladamente Martinsa-Fadesa. O BNG, analizando e interpretando tales sentenzas, ten formulado propostas de actuación ao respecto, que xa coñece moi ben o señor Negreira e que agora pretende aplicar.

-Somos unha cidade con demasiados centros comerciais.

-O deseño da nosa cidade como un xigantesco bazar é un suicidio. O futuro e a viabilidade da Coruña como cidade de barrios e motor de desenvolvemento económico e social non pasa polas áreas comerciais. Pasa por apostarmos polo comercio de barrio, polo pequeno e mediano comercio e a súa necesaria interrelación co sector da hostelaría, que é o que dá vida a cidade.

-Algúns dos seus compañeiros xa estaban con Javier Losada. Cal dos dous alcaldes prefire?

-En política, o verdadeiramente importante non son tanto as persoas como as ideas e os proxectos colectivos de transformación que teñan en conta a cidadanía, as maiorías socias e as súas necesidades, especialmente nunha época de crise como a actual.

-Por que nos enganan aos comerciantes dicindo que os turistas que veñen nos barcos compran?

-Non só pretenden enganarvos, senón tamén facervos responsábeis de que non consuman nos vosos establecementos! O éxito do pequeno e mediano comercio non depende só da vontade do consumo foráneo, porque é necesaria unha aposta do Goberno local para impulsar un dos sectores estratéxicos da cidade. Mais isto é algo que non casa coa política do Goberno municipal do PP cando reduce as axudas ao pequeno e mediano comercio, ou cando lle sobran, por exemplo, 189.398 euros en axudas para o comercio. No BNG entendemos que as cousas se poden facer doutro xeito.