Máis de cen músicos sobre o escenario, cincuenta persoas no traballo de produción, 15.000 vatios de son e 130.000 de iluminación. Son algunhas das cifras da produción Torre de Breoghán, na que Luar na Lubre e a Sinfónica de Galicia recollen a lenda de Breogán con música e imaxes en tres dimensións e hologramas. Parte da maxia que inundará o Pazo da Ópera durante a estrea deste sábado puido comprobarse onte no ensaio que a banda realizou xunto a Sinfónica.

Bieito Romero, líder e membro fundador de Luar na Lubre, recoñeceu que o recital supón "un soño cumprido", ao rescatar coa súa música o relato épico do Leabhar Ghabhala Eirean (Libro das Invasións), no que os monxes irlandeses do século XI recolleron a tradición oral do país. As funcións amosarán a lenda agochada trala fundación de Brigantia e a invasión a Irlanda a partir de cancións da banda e temas creados para a ocasión.