21 de octubre de 2014
21.10.2014

A cidade, un libro para ler camiñando

21.10.2014 | 00:48
Xurxo Souto, Inma López y Xavier Seoane.

O escritor e músico Xurxo Souto lembra a famosa cita de Agustín Fernández Paz para recoller o espírito dos Paseos pola Coruña Literaria: "A cidade é un libro que se le camiñando". A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza para os tres primeiros sábados de novembro itinerarios polas rúas da Coruña guiados por Souto (día 1), Inma López Silva (8 de novembro) e Xavier Seoane (día 15). O presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, confía en que os veciños poidan "coñecer a súa cidade de man dun guía sabedor dunha das súas moitas almas".

Literatura e historia percorrerán as rúas do centro para revelar "a cidade culta" agochada baixo o cemento e a rutina. "A Coruña sempre foi moi querida polos escritores e escritoras. É culta, por elaborar cultura e aproximarse a ela como un corpo vivo", engade Sánchez. Xurxo Souto acompañará aos primeiros trinta participantes -que poderán inscribirse gratuitamente no Ágora ou no teléfono do centro, 981 189 888- o sábado 1 para lles lembrar as pegadas do antigo gremio de mareantes. O artista sinálaos como os responsables de moldear a cidade. "Foron o gremio máis importante, pero está esquecido", lamenta. Partindo da Igrexa de San Andrés, patrón dos mareantes, Souto levará ao grupo pola rúa Real ata a igrexa de Santa María, cunha torre que serviu de referencia para os mariñeiros que entraban no porto coruñés.

O camiño recuperará os tempos dos corsarios e escravos, a invasión de Drake que destruíu o barrio da Pescadería, a vida dos mareantes ou a duna sobre a que se levanta o antigo Cine París, onde fora descuberto un xacemento romano. Un "percorrido pola Coruña invisible" con anécdotas e datos históricos que Souto fiara con referencias literarias aos autores Manuel María, Devesa Monterroso ou Luisa Villalta, cultivadores da Coruña entendida como "cidade barco". "A medida que imos camiñando e descubrindo os espazos cotiás, agromará esa memoria do mar", salienta o escritor.

A autora de Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva, viaxará o sábado 8 de novembro pola rúa de San Andrés, a praia do Orzán e a Casa Museo Casares Quiroga para mergullarse na súa novela, rememorando "o mundo intelectual da Coruña dos anos vinte e trinta", apunta a santiaguesa. As lecturas de fragmentos da obra evocaran aos exiliados, á Guerra Civil e a personaxes da cultura galega como Anxel Casal ou María Casares.

Seoane pechará as visitas guiadas o día 15 coa figura de Rosalía de Castro e a súa pegada na cidade a partir da novela A dama da noite. "Trataremos de ver algo máis nunha personalidade da que ignoramos tantas cousas esenciais", recoñece Seoane, ao tempo que eloxia a faciana da Rosalía como poeta "civil, social, festiva e precursora do feminismo". O roteiro pasará polo Parrote, dende o que a poeta escribía o drama da emigración a través das ringleiras de viaxantes que contemplaba dende a súa ventá, ou a praia de San Amaro, na que morreu afogado o escritor Aurelio Aguirre, amigo de Murguía e Rosalía.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook


Elecciones Generales 2019

Domingo 10 de Noviembre de 2019, España

Congreso de los Diputados

esquelasfunerarias.es