05 de abril de 2015
05.04.2015
Daniel Díaz Presidente da Plataforma pola Mobilidade Sostible

"Co límite de viaxes que se puxo, os que se beneficien da nova tarifa van ser poucos"

"A rede de transporte urbano da cidade precisa unha revolución total a través dunha renovación do mapa de liñas de bus"

05.04.2015 | 01:47
Daniel Díaz, presidente da Plataforma pola Mobilidade Sostible.

A implantación da nova tarifa de bus urbano esta semana beneficiará "a uns poucos", ou iso opina o presidente da Plataforma pola Mobilidade Sostible, Daniel Díaz. Ao seu xuízo, o novo sistema implantado polo Concello é insuficiente e defende unha "revolución total" no mapa de liñas de bus urbano da cidade

-Que lle parece a nova tarifa do bus urbano implantada polo Goberno municipal?

-Para nós a tarifa ten dúas caras. Como usuario, podemos facer unha lectura positiva xa que toda tarifa nova que axude a aforrar cartos é boa. Como cidadán, vemos outras cousas en contra. A primeira é o feito de que o usuario é quen ten que adiantar os cartos, aínda que se lles devolvan posteriormente. Tampouco axuda moito o límite para acceder ás viaxes de balde que se puxo, xa que non moitos veciños chegarán ás 44 viaxes coa tarxeta ordinaria e moito menos os que fagan uso do bono social, que terán que sobrepasar as 70 viaxes. Outra parte mala que é que realmente quen vai pagar isto vai ser o Concello para beneficio dunha Compañía de Tranvías que xa ten un balance anual de beneficios bastante grande.

-Como debería ser ese novo modelo tarifario alternativo ao actual?

-Habería que sentarse a negociar coa Compañía de Tranvías. Hoxe o certo é que o Concello paga unha subvención directa a esta empresa e cremos que este tipo de bonos ou tarifas especiais debería negociarse con Tranvías para que o custo non repercuta nas arcas municipais e o asuma a empresa.

-Daquela non están en contra do sistema de descontos a partir dun máximo de viaxes?

-As nosas opcións serían máis favorables a crear unha tarifa plana, coa que pagar e ter viaxes ilimitadas. Deste xeito, aqueles que queiran facer uso deste bono o terían máis doado e estarían obrigados a pasar un mínimo de traxectos. Realmente, co límite que se puxo, os beneficiados deste cambio van ser moi poucos e, atendendo ao datos do ano pasado, non pasará dun 2% do total das viaxes. Iso é moi pouco.

-Pensan que o novo modelo axudará a incentivar o uso do bus urbano?

-Supoño que se incentivará naquela xente que usa a diario o transporte urbano por motivos laborais ou académicos e agora poden animarse a usalo nas fins de semana para que poda chegarlle a saír de balde algunha viaxe.

-Despois de catro anos de Goberno municipal, que cre que debería cambiar no sistema de transporte urbano da cidade?

-O único cambio salientable a nivel dos usuarios ben en campaña electoral, para rabia dos cidadáns. Eu creo que habería que comezar a labrar o futuro do transporte público cunha revolución total que ten que consistir nunha renovación do mapa de liñas de autobuses. O que agora temos é un mapa caduco que se foi adaptando durante os últimos 20 anos sen miras de futuro. Os polígonos industriais, por exemplo, están mal servidos e o mesmo acontece con novas realidades urbanas como o barrio de Novo Mesoiro. Son zonas que están pesimamente servidas e nós entendemos que todos os déficits de movementos que ten a cidade teñen que ser cubertos como primeira opción polo transporte público. E para iso fai falta unha renovación desde a base.

-Unha reordenación total, non sería algo caótica? Os veciños xa están acostumados ás liñas de buses desde hai décadas

-Xa, pero precisamente se o Concello quere lograr un cambio real no transporte ten que facer todo o posible para que o transporte publico o usen non só os usuarios actuais senón todos aqueles que actualmente se moven en coche pola cidade. E o transporte público non está a funcionar como reclamo para que a xente aposte polo cambio. O cambio está en que o transporte público o utilicen os veciños que non teñen carné nin coche e aqueles que si o teñen.

-Acábase de aprobar tamén a ampliación das zonas 30, para rúas interiores de barrios como Agra, Sagrada Familia ou Os Mallos. Que lle parece?

-A medida parécenos un grande paso adiante. A lástima que nos queda é que se tome a un mes das eleccións, despois de catro anos de goberno. Como funcionará? Nós poremos todo o que estea na nosa man para que isto funcione. O que nós vimos reclamando é que o espazo das rúas ten que ser un espazo para habitar, para xogar, para comerciar e as zonas 30 penso que poden ser un revulsivo para un cambio real no modelo de cidade que buscamos, no que tamén se prime a presenza das bicicletas como un medio de transporte sostible. A nova é positiva pero a pena é que se implante a un mes das eleccións e do cambio de goberno.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook


Elecciones Generales 2019

Domingo 10 de Noviembre de 2019, España

Congreso de los Diputados

esquelasfunerarias.es