A eurodeputada de Podemos Estefanía Torres visitou onte aos membros da Confraría de Pescadores para ofrecerlle aos seus membros a posibilidade de participaren na Comisión de Medio Ambiente e Saúde Pública falando dos problemas de contaminación dos que adoece a ría do Burgo. Torres asegurou onte na confraría, que a súa responsabilidade era a de facer de intermediaria entre os veciños afectados e as institucións. Sobre as consecuencias que poderá traer esta intervención dos mariscadores no Parlamento europeo -xa foron en máis ocasións a falar sobre a contaminación da ría- a eurodeputada de Podemos non especificou nada, aínda que avanzou que está a estudar as opcións que o colectivo ten para poder ser axudado pola Administración europea. Torres adiantou que a súa formación política -que se integra na cidade en Marea Atlántica para concurrir ás eleccións municipais- fará "presión" para acadar o saneamento da ría do Burgo, pero tamén para que se "depuren responsabilidades" entre os políticos que permitiron que o dragado non se tivese producido xa e de que o esteiro do Burgo estea asolagado de contaminación.

O voceiro dos mariscadores a pé, Manuel Baldomir, explicou que a Confraría de Pescadores aceptaba a axuda de Podemos e que esperaba que fose fructífera e que contribuíse a conseguir o obxectivo de ter na Coruña unha ría saneada para o marisqueo mais tamén para o lecer.

A secretaria xeral de Podemos na cidade, Isabel Faraldo, puntualizou onte que, de térselle preguntado á cidadanía se prefería o túnel da Marina ou o dragado da ría, tería gañado o esteiro.