O escritor vigués Marcos Calveiro gañou recentemente o Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa novela Fontán, na que narra a vida do científico galego do mesmo nome que elaborou, en 1834, un dos mapas máis exactos de Galicia antes da tecnoloxía de satélites. Presenta a obra este xoves ás 20.15 horas na librería Suévia.

-A novela percorre toda a vida de Domingo Fontán?

-É unha visión panorámica da súa vida, desde o nacemento ata a morte. En parte está ficcionalizada, pois non hai datos da súa infancia e adolescencia. Unha das cousas que máis me interesaba é como nace a vocación de ser científico nun neno dunha aldeíña de Portas (Pontevedra). Relaciónoo con dous penedos de granito moi grandes con forma de globo terráqueo que están preto de onde naceu. El quere medir esas pedras xigantescas que había ao lado da súa casa e acaba medindo Galicia e trasladándoa a un mapa.

-Domingo Fontán, nacido en 1788, foi profesor de Retórica, Metafísica, Francés, Belas Artes, cartógrafo, matemático...

-Nese momento a ciencia non estaba tan compartimentada coma hoxe en día. Tanto os seus mestres como moitos dos seus discípulos eran homes que lle pegaban a moitos campos distintos do saber.

-A Fontán interesáballe a ciencia polo puro coñecemento ou para que a xente vivira mellor?

-O seu interese ven principalmente, do seu mestre, Xosé Rodríguez. Fontán foi un protonacionalista: estaba moi interesado no desenrolo de Galicia. Rodríguez e el pensaban que para que Galicia se desenrolase e progresase era moi necesario un perfecto coñecemento do territorio, para poder trazar estradas, ferrocarrís, etcétera.

-Que quere dicir cando chama a Fontán protonacionalista?

-Que el antepuxo Galicia a calquera outra cousa. Estamos falando dun señor catolicón do século XIX que se expresa en castelán, pero para o que o seu mundo era Galicia. Poñíaa por diante de calquera outro interese persoal, laboral ou familiar. E moitos desgustos lle custou.

-Para facer o seu mapa, Carta Geométrica de Galicia

-Cun burro e tira! Algunhas veces ía acompañado por un colaborador, normalmente un alumno seu, pero tiña moi pouco instrumental científico e medios. Por iso tarda tanto. E o mapa usouse moito tempo, para trazar estradas ou o ferrocarril. Non hai mellor mapa durante 150 anos, o que é unha fazaña.

-O mapa aparece mencionado nas obras de Castelao, Cunqueiro e Otero Pedrayo.

-Si, o mapa de Fontán funciona como elemento simbólico de toda a xeración Nós. Aínda que Fontán está esquecido na cultura galega, o seu mapa era un elemento simbólico moi importante, como o himno ou a bandeira. E el está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres.

-Cre que está esquecido?

-Non deixa de ser un científico. Hoxe preguntas na rúa por Rosalía de Castro ou Castelao e todo o mundo te di algo; preguntas por Fontán? Parece que a cultura dun país a constrúen unicamente os escritores, os poetas, pero a achega de Fontán co mapa é fundamental.

-Parécelle inxusto?

-Evidentemente si. A partir da ciencia tamén se constrúen os países e as culturas. Ten unha linguaxe máis inintelixible que a pintura, a música ou a arte, pero debería ter un papel social máis relevante e recoñecido. A maioría dos científicos novos do noso país, por desgraza, teñen que buscarse a vida fóra..

-Cal foi a súa labor política?

-Formou parte das primeiras Deputacións de Galicia, participou na división territorial en provincias e partidos xudiciais e foi reprimido en moitísimas ocasións por ser liberal, un home de progreso en contra do antigo réxime. Botárono da cátedra e quedaba sen dar clases nin cobrar, ata que o liberalismo volvía ao poder ou se abría a man. Outros compañeiros sufriron perigo físico e tiveron que exiliarse.

-Como era persoalmente?

-Tivo problemas na universidade, porque suspendía a moitísima xente. Eran coñecidos os seus ataques de ira, os seus arrebatos. Pasou 17 anos percorrendo Galicia para facer un mapa e logo 8 anos máis para imprimilo, loitando coa burocracia da Corte de Madrid. Debía ser un home dun forte carácter.