O relato interactivo dun barrio, O Castrillón
O IES Monte das Moas presenta un mapa interactivo que aborda en internet a evolución do barrio do Castrillón desde diferentes aspectos
Ángela Fontao | a coruña
No ámbito educativo, o achegamento do alumnado ao seu entorno máis inmediato pode dar lugar a traballos de investigación cun marcado carácter divulgativo como o mapa interactivo sobre o barrio do Castrillón que vén de presentar o instituto Monte das Moas.
Este proxecto, realizado polo centro dentro do programa de proxectos de innovación educativa da Xunta de Galicia, consiste "nun traballo conxunto de varios departamentos feito polo profesorado e o alumnado do instituto", como explica a vicedirectora do mesmo, Manuela Villamil. A partires dun mapa dispoñible nunha plataforma web gratuita (mapme.com/distrito-monte-das-moas), os visitantes poden recibir información acerca da evolución do barrio "a través de aspectos económicos, toponimias e personaxes das súas rúas", como apunta Villamil.
A investigación, realizada durante este último curso, foi dirixida pola historiadora e xornalista Cristina de la Torre, en conxunción coa biblioteca do centro, coordinada por Noemí Puga Vidal. De la Torre afirma que a vontade deste proxecto era que "os rapaces tiveran conciencia do seu entorno e participasen na creación dun relato do sitio onde viven". Partindo desas dúas premisas, De la Torre orquestou unha serie de encontros semanais nos cales os alumnos eran invitados a escoller unha maneira de aplicar ao barrio os contidos relacionados con cada unha das disciplinas implicadas: "Lingua, Historia, Xeografía, Bioloxía e Economía", como indica a coordinadora.
O proceso de investigación, que segundo apunta De la Torre partiu "da dúbida e a curiosidade como a parte máis importante da aprendizaxe", constou de varias etapas nas que os rapaces "fixeron entrevistas a comerciantes e a veciños, sacaron fotos dos parques, e investigaron puntos históricos do barrio mediante a documentación bibliográfica".
Cada un dos pasos que deron lugar á configuración do mapa interactivo confluiron nun conxunto de contidos organizados en cinco grupos que reúnen información sobre a historia, o rueiro, o comercio, os veciños e os espazos públicos do propio barrio.
Ademais de apostar por unha divulgación do patrimonio histórico do barrio, o proxecto ideado polo instituto serviu para achegar aos estudantes a aspectos para eles novidosos do seu arredor: "En moitas ocasións, pasamos por diante de cousas que non identificamos co noso entorno, e con este traballo o que pretendemos foi botar abaixo esas barreiras", explica De la Torre.
Lonxe de rematar con este mapa, a investigación do alumnado do centro ten visos de permanencia. Tanto Villamil coma De la Torre coinciden na súa aposta pola continuidade do proxecto. "Pensamos continuar o traballo durante o próximo curso, xa que este é un mapa vivo", afirma Villamil.
- El hogar de las focas del Aquarium Finisterrae de A Coruña, en peligro de ser 'inviable' por las filtraciones: el Concello reparará el muro
- El mesón con uno de los mejores calamares de A Coruña: 'Aquí la freidora nunca está parada
- Abre en A Coruña un 'takeaway' de comida antiinflamatoria: 'No vamos a poner pollo a la plancha
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
- Eclipse solar en A Coruña: el centro comercial Cuatro Caminos reparte gafas homologadas
- Los feriantes de A Coruña, disconformes con la nueva intermodal de A Sardiñeira: 'Somos los más perjudicados de la reforma
- El crucero 'Mein Schiff Relax' hace su primera escala en A Coruña con más de 4.000 pasajeros y casi 1.400 tripulantes
- El veterano restaurante de A Coruña que conquista Riazor desde hace más de 25 años: 'El nombre significa albahaca en italiano y cuando llegamos no se vendía en los supermercados
