Sicixia, a forza expresiva da natureza galega
O último filme de Ignacio Vilar competirá con seis cintas no XXI Festival Cinespaña de Toulouse cunha proposta protagonizada pola paisaxe e os sons da Costa da Morte

A personaxe de Olalla, interpretada por Marta Lado, nun fotograma de ´Sicixia´
Ángela Fontao | a coruña
A paisaxe e os sons procedentes da natureza da Costa da Morte son, cun enxeñeiro e unha guía local, as personaxes principais da nova produción cinematográfica de Vía Láctea Filmes, Sicixia. A cinta, dirixida por Ignacio Vilar, chegará o proximo 25 de novembro aos cines e vén de ser seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse.
Vilar retomou a historia que dá forma a Sicixia trala promoción do seu último filme, A Esmorga, e fíxoo visitando diversos enclaves da Costa da Morte que xa percorrera tres anos atrás. A súa viaxe abriu camiño non só a un relato enfocado á "posta en valor do inigualable patrimonio material e inmaterial" da zona, senon tamén a un cambio de formato á hora de rexistralo. "Despois de A Esmorga quería meterme noutro tipo de cinema. Até o de agora rodábamos en 35 milímetros e quería traballar a forma de narrar en cine dixital, que ofrece máis posibilidades", explica Vilar.
O resultado desa inmersión é un relato audiovisual protagonizado por Xiao, un enxeñeiro acústico ao que dá vida Monti Castiñeiras e que chega á Costa da Morte para gravar os seus sons máis característicos tras un encargo. Alí coñece a Olalla, unha moza interpretada por Marta Lado que traballa como guía aoocéano Atlántico. O devir da historia fará que as vidas de ambos "fuxan ao seu control coma mareas rexidas por unha lei superior".
Tal foi a conexión de todo o equipo co territorio que "os actores e actrices conseguiron mergullarse de cheo" na Costa da Morte, unha pegada na que influiu a procedencia de Marta Lado, natural de Fisterra. "Ela traía a Costa da Morte con ela, o cal era fundamental. A rodaxe foi dura pero coido que foi unha das películas que vivimos con maior intensidade", apunta Vilar.
Entre as localizacións polas que transcorre a trama se atopan o Monte Pindo, o Monte Branco, a fervenza do Ézaro, a praia do Razo e localidades como Fisterra ou Muxía. O recoñecemento e difusión de todos estes emprazamentos foi unha das reivindicacións máis importantes das que partiu a produción da película Sicixia.
Ignacio Vilar apunta que un dos principais problemas dos galegos é "o descoñecemento" que adoitan ter do seu entorno, un afastamento que atribúe á falta de promoción por parte dos creadores autóctonos: "Eu penso que o mellor é facer unha promoción como a que levan a cabo os demais países, a través do seu cine, da súa literatura... Así é como chegas á xente, e tamén é fundamental chegar na escola", afirma Ignacio Vilar.
Un dos elementos que máis favorece a atracción doutros países pola cultura e a paisaxe de Galicia é a profundización por parte dos propios galegos, segundo apunta o cineasta: "Se consigo que con esta historia os galegos e galegas amen máis o seu e saian das súas casas a disfrutar e pasear pola Costa da Morte, conseguiremos que o resto do mundo tamén o faga".
É precisamente a conexión que o director de Sicixia tivo coas características sociais e naturais da Costa da Morte o que dá sentido ao título desta película. "A Sicixia é a conxunción dos tres astros cando están aliñados e o feito de vivir a Costa da Morte e falar coa súa xente levoume a esa situación, alí esa conxunción é onde, para min, ten máis presenza", aclara.
Antes da súa estrea, a película Sicixia parece seguir os pasos da súa antecesora no que a recoñecementos se refire. A cinta de Vía Láctea Filmes, que se preestreou onte nos Cantóns, foi seleccionada no XXI Festival Cinespaña de Toulouse, un certame no que A Esmorga recibiu un total de tres galardóns.
O novo filme de Ignacio Vilar competirá con outras seis longametraxes na categoría de ficción, que serán valoradas por un xurado de profesionais do cinema francés. "O punto forte desta historia é que entra de cheo da Costa da Morte a través da súa xente, paisaxe e gastronomía. É dificilísimo entrar na Costa da Morte, tes que ir en inverno para facelo, nós fixémolo e no filme está esa esencia", explica o directorde Sicixia.
Vilar confesa que unha das súas principais motivacións á hora de crear é a de "levar á xente ao cinema e que se emocionen", un obxectivo que acadou con A Esmorga, que conseguiu permanecer "quince semanas na carteleira, competindo con superproducións norteamericanas como Los Juegos del Hambre ou Exodus".
- La romántica vuelta de un icono: El Huevito reabre en la calle San Juan de A Coruña
- La empanada con origen en A Coruña que se convirtió en la mejor de España
- Estrella Galicia lanza la ‘Enciclobirra’, la primera enciclopedia bebible
- El Estado abre la puerta a que la terminal ferroviaria de mercancías esté en Culleredo y no en Arteixo
- El Concello de A Coruña pagará 60.000 euros a RTVE por su mudanza de La Terraza a Correos
- Un paciente ataca a un enfermero y a un vigilante del hospital de A Coruña
- La Policía Local de A Coruña inicia una campaña de control de usuarios de bicicletas y patinetes
- El aparcamiento provisional de la estación de tren abrirá el miércoles 5 de febrero