Son uns paxaros fisicamente semellantes a uns corvos medianos, aínda que as súas patas son rosadas e o peteiro é vermello escarlata. Décadas atrás, a principios dos noventa, había en Galicia entre 56 e 122 parellas de choias aínda que a cifra foi en descenso co paso dos anos, segundo comenta Cosme Damián Romay, o coordinador do Mapa da Biodiversidade da Coruña que está a elaborar o Grupo Naturalista Hábitat a petición do Concello. Na cidade, porén, rexistrouse un repunte da presenza destas aves que atoparon no parque de Bens un enclave propicio para a súa reprodución. Actualmente, segundo os datos de Hábitat, hai unha ou dúas parellas na zona, aínda que a súa tranquilidade está ameazada polos cans que andan soltos.

Conta Cosme Damián Romay que hai "certa esperanza" de que a especie -que polos seus números podería constar no catálogo de especies galegas como vulnerables, un paso anterior ao perigo de extinción- se poida establecer non só na cidade senón tamén nos concellos limítrofes, xa que hai parellas en Oleiros e noutras vilas da comarca. É unha posibilidade, nada máis, xa que igual que atoparon en Bens un bo lugar para quedar, poden marchar.

"Estes paxaros dependen para alimentarse de praderías costeiras, que poden ser naturais ou litorais con gandería, porque teñen a herba curta, porque comen miñocas, larvas de formiga...", comenta Romay. O Goberno local estuda agora unha solución para que cans e choias poidan convivir no parque de Bens. A solución que Hábitat defende e que está en estudo no Concello é a de facer sectores: grandes áreas con usos diferentes e, por suposto, cunha reservada á protección das choias; outra para deportes e ciclistas e outra para usos xerais pero con cans soltos.

"Bens ten un hábitat singular, aínda que fose creado polo home a partir do selado do vertedoiro. As choias atoparon nel un hábitat axeitado para se poder alimentar pero todos os días hai ducias de cans soltos que van correndo detrás delas, levántanse e non están tranquilas, entón acábanse alimentando en lugares que non lles son tan propicios, por iso non teño claro que se establezan. No 2013 houbo un máximo de vinte choias no parque, agora xa hai menos, dez ou doce, cantas haberá o ano que vén? non sei", explica Romay, que defende que no parque de Bens haxa espazos diferenciados para que os cans anden ceibes, pero tamén que se acote unha zona para as choias poidan estar tranquilas. "Esta idea está en estudo. O Concello consultou a usuarios do parque e colectivos veciñais, recoñecendo que, actualmente, o parque de Bens é a maior área canina que hai en Galicia, aínda que non hai normativa que diga que o é. Os donos dos cans chegan alí e sóltannos, o can é feliz e os donos tamén, pero non nos podemos esquecer de que hai outros habitantes, igual non son tan chamativos, pero teñen todo o dereito de estar alí", comenta Romay.