É actriz, dramaturga, diretora, escenógrafa y atrezzista, pero non poeta. Ou polo menos iso é o que asegura. Lorena Conde, que o pasado mércores gañou con Entullo o XVIII Premio González Garcés de Poesía da Deputación, fala sobre o nacemento "casual" da súa obra, un poemario premiado pola orixinalidade no tratamento dun tema tan antigo como as persoas: o desamor.

-Que é Entullo?

-Entullo é a crónica dun declive físico e emocional. É a historia dun desamor e de como o corpo e a alma se resinten e se enfrontan a iso.

-Por iso ese título?

-Claro. Fai referencia aos restos que quedan, e cos que logo hai que reconstruir. Sempre hai un periodo de derrumbamento co que despois hai que facer algo.

-Sempre podemos reconstruirnos?

-Non creo que sempre poidamos, pero en xeral si. Somos moito máis resistentes do que parece. Con todo, o problema que teñen os procesos de reconstrución é que son moi longos, e mentres estás neles non ves o percorrido que estás a facer. Parece que estás sempre no mesmo lugar, pero non é certo.

-Tocou moitas ramas artísticas, era a poesía o seguinte paso lóxico?

-Non era o seguinte, o que pasa é que eu escribo desde que aprendín a escribir. Teño miles de cadernos, pero nunca rematara nada que puidera ser algo máis que unhas notas. Isto foi o primero que se rematou e pensei que se podería dar a coñecer.

-Sen embargo, non é a súa primeira incursión no mundo da escritura. Ao longo da súa carreira, produciu varias obras de teatro. Parécese en algo a creación teatral á poética?

-É o mesmo. Cando escribo para teatro, sempre trato de que haxa algo poético. Interésanme as imaxes non gastadas, as que non son exactamente o que parecen. Iso ao final é a poesía: contar cousas normais con palabras novas.

-Precisamente esa novidade nas súas palabras é o que a levou á vitoria, como se crea algo único en un mundo coma este, no que parece que xa está todo dito?

-Creo que o segredo é que sexa verdade. Cando hai unha motivación honesta detrás e se parte dunha proposta de non ser máis do que realmente se é, é cando se atopa unha voz orixinal, que di algo dun xeito que non se dixo antes. Ao final, do desamor falouse sempre. A orixinalidade depende da mirada, unha mirada que ten que ser sincera.

-E en que se inspirou para conseguilo?

-A verdade é que en nada [ri]. Nunca tiven a intención de que fose un poemario. En realidade, Entullo xorde dunhas notas que eu estaba tomando porque necesitaba explicarme a min mesma cousas que me acontecían. E pasado un tempo, decateime de que todas esas notas non eran pensamentos soltos. Tiñan unha progresión, e podían ser algo con entidade propia.

-Como recibiu a nova de gañar o premio?

-Aínda o estou asimilando. Creo que o xurado entendeu ben o que había alí, pero tamén é unha cuestión de gustos. Entullo presentouse a outros certames e gañaron outras obras. Persoas distintas escollen obras distintas, así que supoño que, entre todas elas, haberá moitas que estean á mesma altura, e incluso por riba.

-Cre que es é o comezo dunha carreira literaria?

-Non che sei. Na arte a norma que teño é non forzarme a facer cousas que non quero facer. Se xorde, adiante, e se non, hai outras cousas que facer.

-Por exemplo?

-Pois o meu taller de artesanía, Maraña, centrado nas xoias contemporáneas. Ou o espectáculo After Party, co que vou estrear unha nova compañía teatral.

-Iso é estar moi ocupada.

-Si [ri]. Pero é deses traballos que non pesan. Gústame estar en varias cousas á vez porque te despexas dunha á outra. É como un saber compartido. A poesía está en todas partes, todo está conectado.